A burocracia como salvadora do mundo: Papers, please

papers please

En 1961, Milgram levou a cabo un experimento que trataba de probar os límites dos humanos. O método era simple: unha persoa, que exercía de “mestre”, tiña que probar a memoria dun “alumno” (este rol era interpretado por un actor). O mestre debía facer varias preguntas ao alumno e sancionar os erros con descargas eléctricas que irían a medida que os erros se acumulasen. Co mestre atopábase outro actor, neste caso interpretando a un científico, que persuadía ao mestre de continuar o experimento a pesares dos gritos de dor do alumno. Preto do 65% dos participantes do experimento chegaron a administrar a máxima cantidade de voltaxe (450V). Todos os participantes eran libres de desobedecer as regras ou marchar, xa que a persuasión era só verbal: a porta estaba aberta e os participantes eran libres de marchar. Papers, please é herdeiro deste experimento.

Este thriller distópico sitúanos nun paso fronteirizo onde teremos que admitir ou rexeitar aos inmigrantes dependendo da vixencia dos seus papeis. Pasaportes, fichas de identidade, pegadas dactilares, fotos e moitas cousas máis serán as que teremos que analizar para decidir así o futuro da persoa que se atopa fronte a nós. O problema chega cando se misturan as emocións, xa que moitas persoas contarannos as súas vidas para convencernos de deixalos pasar. E aquí aparece Milgram: está en nós decidir se nos saltamos as regras ou non. Cada ruptura dunha regra carrexa unha sanción económica, algo que tampouco nos poderemos permitir xa que a nosa familia precisa cartos ou, no peor dos casos, “desaparecerán” de forma misteriosa.

Situado nunha Europa do Este distópica, os diferentes roces entre o noso país, Arstotzka, e o resto fará que as regras cambien a medida que o xogo se desenvolve. Así, as nosas accións terán tamén consecuencias no futuro da nosa nación e dos cidadáns. Ante nós ábrese a posibilidade de deixar pasar a terroristas que queren derrocar ao réxime fascista da nosa nación, a reporteiros que queren contar as condicións de vida no noso país, ou diplomáticos que buscan limar as diferenzas entre países… ou impedir que todos eles entren.

Papers, please non ten bos gráficos, nin tampouco ten unha banda sonora espectacular: non os precisa. A historia, o vínculo emocional con toda a xente que pasa polo noso posto, é suficiente como para non precisar ningún recurso máis. É imposible non engancharse a este xogo. As emocións empaparannos no momento de escoller o selo de “aprobado” ou “denegado” e será imposible, ás veces, non sentir verdadeira pena ao impedirlle a entrada a alguén.

A historia, como dicía, é incrible. Algo tan tedioso como un labor burocrático convértese nun niño de emocións e intriga. Os diferentes xiros da trama respecto das nosas decisións farannos estar alerta sobre que facer en cada momento. Por se isto fose pouco, o xogo ten vinte finais diferentes que variarán dependendo das nosas accións. A única pega que se lle pode poñer é a súa corta duración. Se ben é certo que no final desbloquéase un modo infinito, a falta de trama deste fará que esta forma de xogo sexa insípida.

Persoalmente teño que recoñecer que este xogo xeroume emocións moi fortes: ás veces sentinme un fascista denegando pasaportes, e outras un anxo desobedecendo as normas e permitindo a entrada de “ilegais”. A experiencia non se pode comparar á do experimento de Milgram, mais xera uns sentimentos parecidos. Coñecer os nosos límites, implicarnos con cidadáns ficticios dun país inventado ou saber ata onde seríamos capaces de obedecer ordes erradas ou saltarnos as regras son cousas que coñeceremos despois de xogar a Papers, please. Gloria a Arstotzka!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *