Alcatel OT-S210 ou un mes sen Whatsapp

DQ130919_02

Este tipo de decisións son rara vez voluntarias. Nin tan sequera esa xente que decide vivir nos bosques durante un tempo é quen de resistirse a deixar o smartphone na casa (‘Walden’ sería moi distinto se a experiencia tivese tido lugar agora). Vivir sen Internet e intelixencia no móbil é posible e ata fácil ata que probas a experiencia de vivir con Internet e intelixencia. Entón, parece, xa non hai volta atrás. Entón o teu querido smartphone sofre outra caída, pero esta con resultados moito máis graves. Non funciona. Terá que estar no hospital de smartphones un tempo.

A min pasoume isto hai agora algo máis dun mes. Foi o meu adorado Lumia 820 (agora un pouco menos adorado, xa que a caída fatal foi só desde unha cama!) o que quedou ferido. Atopei un substituto para non estar totalmente desconectada: un Alcatel OT-S210. Mírao ben. Si, é un móbil dos non intelixentes (non quero chamalo parvo). Un móbil desa época na que a palabra app non existía no noso vocabulario. Un móbil sen Internet. Un móbil sen Whatsapp.

O Alcatel OT-S210 (que parece prehistórico pero foi anunciado hai só cinco anos) é un móbil lixeiro (70 gramos!), que entra perfectamente nun bolso pequeno e que encaixa no peto para móbiles que empezaron a incluír os bolsos hai uns anos, xa que as súas dimensións son de só 98 x 44 x 12,3 milímetros. Estás a pensar que é moi pouco delgado, si, pero grazas a ese grosor o teléfono non escapa das mans e remata no chan. Aínda que se isto pasa non hai que ter medo: o Alcatel OT-S210 pertence a esa categoría de móbiles que non rompen por moito que chimpes sobre eles.

Cunha pantalla de 1,5 polgadas e resolución de 128 x 128 píxeles, este móbil non mostra máis que a información imprescindible e non se perde en parvadas gráficas (pero ten cores!). Como ver entón se estás a facer boas fotos ou non? Esta preocupación desaparecerá de seguido: o OT-S210 non ten cámara de fotos, axudando así a que os nosos ollos volvan a ver o mundo de forma directa sen megapíxeles de por medio. Toda unha experiencia.

DQ130919_01

O software do móbil permite facer e recibir chamadas e SMS, consultar a axenda de contactos, escoller entre varios tons de chamada polifónicos realmente vintage e xogar. Non é un Nokia, así que non está a serpe que todos lembramos con cariño, só vén un xogo chamado ‘Rusia’. Emociona moito ver o seu nome e empezar a imaxinar de que se pode tratar (algo soviético seguro), pero trátase en realidade do Tetris. Esta parte decepciona un pouco. Iso si, podes xogar todo o que queiras sen medo a quedar sen batería: esta dura varios días (chegou a seis nalgunha ocasión). Poden os vosos smartphones mellorar iso?

Pero deixémonos de temas técnicos e pasemos ao que todos queredes saber: como é estar un mes sen Whatsapp? aínda teño amigos? A resposta é que si, que teño amigos, pero que neste mes non souben tanto deles como adoitaba cando era unha persoa en conexión. Quere dicir isto que non teño nin idea do que pasou nas súas vidas? Non. Seguín pasando moitas horas do día diante do ordenador en Internet, así que a conexión vía mail, Facebook e chat continuou. Quizais non saiba detalles como cantas veces deron de comer ao can ou que estaban a dicir os que ían sentados diante deles no autobús, pero penso que a nosa amizade pode sobrevivir a non saber estes detalles.

O tema delicado, xa sei, é o dos grupos. Quedaron para facer algo os meus amigos sen min? Quizais (ollos que non ven…), pero tamén é certo que non tiven esa sensación. Cando quixen quedar, púxenme en contacto por vías abandonadas (chamando por teléfono!) ou utilicei á miña compañeira de piso para que non me deixase fóra de ningún evento. Vaia, que é posible vivir sen Whatsapp, pese a todo.

O que si notei neste mes sen smartphone foi unha especie de sensación de tranquilidade extra. O móbil deixou de ser algo imprescindible. Empecei a esquecelo na casa (e ao chegar non corría nerviosa a miralo), a ser quen de desfrutar das cousas sen necesitar compartilas (ou preguntarme se debía facelo), a esperar lendo un libro ou tan só mirando ao aire, a non poñer o móbil enriba da mesa cada vez que como ou ceo ou tomo algo con alguén. Ser quen de esquecerse de todo iso que pode estar a pasar no mundo de Internet é realmente relaxante. Porque efectivamente non pasa nada se non les un mail nada máis recibilo. Todo pode esperar (e se non pode, que chamen!).

Preguntarédesvos se despois de toda esta apoloxía do meu pequeno Alcatel OT-S210 teño pensado quedar con el e esquecer o meu Lumia. Como boa representante desta xeración chea de contradicións a resposta é un rotundo non. Xa podo dicir que estiven un mes sen Whatsapp e que sobrevivín. Pero ai, o dano feito polos smartphones é máis profundo. Vivir sen eles é posible, pero facelo de forma voluntaria tras telos coñecido non o é. Os móbiles sinxelos aínda non son tan vintage. E eu, se cadra eu non son tan hipster.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *