Dates: a nova serie británica que tes que ver

dates

O xusto sería empezar avisando de que estamos a falar dunha desas series con capítulos de media hora. Esas que en teoría son moi prácticas para non perder moito tempo, pero que na realidade son incriblemente perigosas: “só un capítulo máis, dicimos, que total son moi curtiños”. E aquí nos tes, a metade da disquerredacción viu en tres días os nove episodios da primeira temporada. E queremos máis.

De que serie estamos a falar? Trátase de ‘Dates’, a xoia que estreou este verán Channel 4 e que trata precisamente do que di o seu título: de citas. Máis en concreto, dos primeiros encontros entre xente que contacta a través dunha web de citas. A premisa é xa interesante, pero tamén podería dar pé a toda clase de monstruosidade. Neste caso, non obstante, non hai de que preocuparse: o resultado é sinxelamente fantástico, adictivo, sorprendente e moi entretido.

Estamos en Londres, nalgún pub ou bar ou restaurante, e empeza a incómoda situación. As risas nerviosas, os encontros que empezan ben e rematan mal (e viceversa), os personaxes que buscan amor, os que só buscan sexo, e sobre todo esas inseguridades dun primeiro encontro cun descoñecido. Que información dar? Como comportarse? E se non aparece?

Os episodios parecen independentes ao principio, pero pouco a pouco decátaste de que non o son. Hai varios personaxes que se repiten, aos que imos coñecendo nas súas diferentes citas (afortunadas ou non) e vendo como actúan con xente distinta. Temos a Mia (Oona Chaplin), a clásica tía buena borde que en realidade só ten medo de chegar a unha conexión máis profunda; a David (Will Mellor), o camioneiro viúvo que se fai pasar por avogado; a Stephen (Ben Chaplin), o cirurxián de vida exitosa; á pobre Jenny (Sheridan Smith), a profesora que vén de provincias e que só queda con perturbados… e a lista continúa.

E detrás de todo está a reflexión sobre esa sociedade actual na que vivimos, esa sociedade rápida que crea seres solitarios que buscan esa conexión profunda da que sempre lles falaron. E non, Londres non é Compostela, nin Vigo, pero é inevitable recoñecer os patróns, algo que fai da serie un produto estrañamente próximo. Detrás de ‘Dates’, isto é importante notalo, está Bryan Elsley, un dos creadores de ‘Skins’. Pero aquí non hai festas desenfreadas e adolescentes revolucionados. Aquí hai vinte e trintaañeiros que ven que o tempo pasa e que se poñen nerviosos.

Non sabemos se haberá segunda temporada (fixemos unha busca exhaustiva por Internet e non atopamos información), pero confiamos en que si. Queremos máis citas a cegas. Queremos máis historias de estraños nun bar.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *