Benboa, unha nova vida para unha vella fábrica de salazón

Benboa Corrubedo 1

Temos a idea ás veces de que as cousas cool só se poden atopar nas grandes cidades. Ten a súa lóxica: máis habitantes, máis potenciais clientes. Pero, sen embargo, nos últimos anos o cool deixou de ser exclusivo das grandes aglomeracións de poboación. Apareceron restaurantes gourmet, tendas de cousas bonitas e vinotecas nos lugares máis inesperados. O estupendo hoxe en día é que o cool pode estar en calquera volta de esquina e que o número de habitantes non marca a existencia (ou non) destes espazos interesantes. Corrubedo ten (vía Google, podedes protestar nos comentarios) uns 700 habitantes e ten tamén unha interesante aposta gourmet. Chámase Benboa e une nun único local tenda, cetaria e restaurante/cafetería.

Benboa ocupa unha antiga fábrica de salazón. A salazón era unha técnica de conservación do peixe que tivo unha industria potente en Galicia detrás. Logo chegou o boom das conservas e a salazón caeu en desuso, deixando detrás unha chea de antigas fábricas de salazón que foron abandonadas. Afortunadamente, nos últimos anos os concellos están a recuperar estes espazos para museos (acabo de facer unha procura en Google e descubrín que hai unha cantidade incrible de museos da conserva e centros de interpretación) e os particulares están adaptándoos para usos turísticos. No caso de Benboa, a fábrica está agora ocupada por unha cetaria, unha tenda gourmet (con xa básicos do gourmet galego como os aceites Olei) e o restaurante: tres ambientes máis ou menos separados nos que se poden atopar reminiscencias do seu pasado.

benboa

A decoración está baseada nesa tradición industrial. Hai balanzas, cestas do peixe ou mesas feitas con carretes; ademais dos clásicos toques mariñeiro-decorativos como lámpadas de barco e corda. O efecto final é bastante atractivo e ten o suficiente de industrial para o espazo do que se trata.

No local pódese comer (non o fixemos, aínda que todo ten bastante bo aspecto e hai peixe fresco para mercar) e tamén tomar algo a modo de cafetería. Sempre é unha escusa para achegarse ata Corrubedo.

Benboa está no porto de Corrubedo 

Fotos | benboa

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *