Os festivais que veñen: setembro 2013

Bon Voyage VeránÉ setembro, os nenos volven á escola, os maiores das súas vacacións (os que as tivesen), os escaparates énchense de roupa de outono… hai que despedirse xa do verán? Segundo os meteorólogos si, e o adeus empezará mañá, pero nós aínda non estamos preparados. Que si, que pasamos moita calor, que nos queixamos sen parar nun dos mellores veráns que lembramos, pero non, non marches aínda. A lembranza do pasado inverno está demasiado próxima. Queremos que este setembro sexa como os dos últimos anos, con boas temperaturas e con sol. E queremos seguir indo a festivais de música ao aire libre sen pasar moito frío cando caia a noite. Podemos? Claro que si! Aquí van propostas de festivais para este mes e deixamos o especial Galicia estival e volvemos ao de sempre: un festival aquí, outro no resto de España e outro no estranxeiro.

– En Galicia. Bon Voyage Verán. Camping Ría de Arosa II La Curota (Ribeira, A Coruña). Dos creadores de Pop Voyage, o festival de música nun barco, chega Bon Voyage Verán, a versión piscina! Unha festa piscineira para dicirlle adeus ao verán e desexarlle unha boa viaxe polo hemisferio sur con Músculo!, Colectivo Oruga, El Lado Oscuro de Broca, República Disco Apocalipso, L.A. Drones, Dj Noiseabundo, e Maikel no cartel. A festa empezará ás 12 da mañá e as entradas están a 18 euros (hai unha versión máis cara que inclúe bungalow!). E hai só 200. Aínda non estás convencido? Aquí tes o vídeo promocional. Somos fans.

– En España. DCODE Festival. Campus da Universidad Complutense de Madrid, 14 de setembro. Intentamos recomendar outro festival e non o mesmo do ano pasado, pero é que levan a Vampire Weekend e a Franz Ferdinand no cartel e con eles quen non quere ser mainstream? Despois están Love of Lesbian, Foals, Amaral, John Grant… As entradas están á venda desde 39,99 euros, que non está nada mal.

– No estranxeiro. Berlin Festival. Aeroporto de Tempelhof (Berlín, Alemaña), 6 e 7 de setembro. Si, xa, a este xa case non dá tempo ir, pero se tiñas pensado facer unha escapada esta fin de semana a Berlín, xa sabes que alí tes plan. E se voas directamente a Tempelhof xa chegas directo ao festival! Quen toca? Blur, Pet Shop Boys, MIA, The Sounds, Get Well Soon, Villagers… Todo por 79 euros, afterparty incluída. Para ser un festival así está bastante ben!

Foto | Pop Voyage!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *