Crepería Saint Jacques, nova incorporación á lista da Compostela exótica

Cando estudaba xornalismo, era polo tempo da guerra de Iraq (a da foto das Azores, non a outra, que non son tan vella) e había asembleas e reunións no salón de actos para decidir que accións de protesta se poderían facer. (Si, é o que vos perdedes os que estudades ciencias). Nunha desas asembleas, alguén propuxo que foramos en masa a pedir a nacionalidade francesa a modo de moi mediática protesta (as colas no consulado francés de Santiago, as cámaras…) algo que naquel momento me pareceu un pouco delirante. Pero logo quedei con pena: e se daquela me tiveran dado a nacionalidade francesa? Porque eu, que son de amores nacionais lixeiros (tan lixeiros como as relacións amorosas da Belle Époque), sempre tiven un aquel de que quería ser francesa (algo non realmente recoñecido).

De Francia gústame todo: que os parisinos sexan maleducados, que a xente teña amantes (nunca coñecín a ningún, pero se o din as películas ten que ser real), que sexan tan snobs e que non se dignen a poñer portadas de libros atractivas (son demasiado intelectuais como para ter portadas de aeroporto). Todo isto é para contar que teño absoluta debilidade polas cousas que chegan de allende os Pirineos, que son unha exquisita degustadora de macarons e que todo o que sexa afrancesado ten en min unha entusiasta.

Creperie Saint JacquesImaxinade, por tanto, con que bo ánimo ía á Crepería Saint Jacques, a última incorporación (que esperemos non derradeira) á lista de restaurantes exóticos para comer/cear (e neste caso merendar!!!) de Santiago de Compostela. Ata o de agora tiñamos a Creperie Cre-Cottê, que está ben sobre todo polas vistas estupendas que ten (xa sabedes, a da praza da Quintana). Agora temos outra opción tamén na zona vella e que ademais cumpre co que se espera da tradición bretoa. Porque se algunha vez fostes á Bretaña (ou a algunha crepería bretoa) veriades que as crepes salgadas son dunha cor diferente. Iso é porque a súa masa non é a de crepe que aparece en todas as creperías senón que é o que se chama galette de sarrasin, que está feita con fariña dun trigo chamado sarraceno.  Sabe diferente (a min persoalmente gústame máis) e admite todos os ingredientes que soen aparecer nas crepes. (E, boas noticias para os celíacos, o trigo sarraceno non ten glute). Esas son as crepes salgadas que teñen na Crepería Saint Jacques.

As doces son como as que todos sempre imaxinamos como crepes. O mellor de todo é que a Crepería Saint Jacques non pecha polas tardes, polo que se pode ir perfectamente a merendar unha crepe de Nutella (aínda que, iso si, poderían ter a man un pouco máis ancha coa Nutella… Os fans queremos cantidade!) e un café. Preguntei e confirmáronme que alí estarán á hora da merenda para dalas.

A carta non é moi cara (a proba foi unha cea con dúas galettes, unha crepe de Nutella a compartir e dous refrescos e non chegamos aos 20 euros) e hai bastante variedade. Ademais, o tamaño é considerable. O local é cuquiño (aínda que tampouco agardedes unha avalancha de cousas francesas: é mono e punto) e de fondo soa música francesa (e non Carla Bruni en bucle como nunha crepería non galega á que fun unha vez…). Os manteis de papel son mapas de París e nuns estantes teñen galletas e doces bretóns (aínda que non penso que se poidan mercar). Se non queredes comelas no local, podedes mercar crepes para levar (co que, quero que saibades, acaban de finiquitar o negocio que pensaba montar cando deixase Disquecool: sempre pensei que molaría ter un posto de filloas, como os parisinos teñen de crepes, para mercar filloas doces en take away).

Crepería Saint Jacques está na Rúa Nova, 42. Aínda non teñen Facebook, pero si web

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *