Tiger chega á Coruña!

Tiger

O paraíso das boas trapalladas acaba de chegar a Galicia: Tiger, a cadea danesa que leva xa un tempo expandíndose por Europa, acaba de abrir a súa primeira tenda na Coruña. E que é Tiger?, preguntarédesvos. Tiger comezou no 1995 cunha primeira tenda en Copenhague e cunha filosofía de ofrecer prezos económicos para produtos cun deseño atractivo (de feito, os prezos de Tiger sempre son cifras redondas: esquecede os 0,99 euros). Nada é especialmente caro e o abanico de produtos vai dende o necesario ata o guilty pleasure que te podes permitir (posiblemente non custe máis de catro euros) pasando polo decididamente kitsch. Hai quen di que son como Muji pero en low cost, aínda que a súa filosofía é bastante similar a Ikea.

As tendas Tiger son sempre bastante amplas, todo está repartido en estruturas de madeira que lembran ás caixas de almacén do pasado e, aínda que algúns básicos vanse mantendo, sempre teñen algo específico para cada tempada (esperade a que chegue o Nadal e Tiger encha a súa tenda da Coruña coa decoración para a época…). Hai dende vasos e outros elementos para a cociña ata gafas de sol  divertidas, elementos de papelería ou gorros (o meu favorito, o que é unha sombrilla-paraugas ao mesmo tempo).

Tiger é deseño nórdico“, explicábanos Diego Anderiz, un dos tres responsables de que Tiger chegara á Coruña (a marca non emprega o modelo de franquicia, senón un de joint venture no que buscan socios locais que son os encargados de abrir nas diferentes zonas. En España, as diferentes comunidades autónomas están repartidas entre diferentes asociados á casa nai danesa. Galicia – xunto con Castela A Mancha e Cantabria – son o territorio de Anderiz e os seus socios). Detrás de Tiger hai deseño danés (e xa sabemos que o nórdico está ultimamente de moda) . “É a diversión”, engade Diego Anderiz, durante a  preapertura da tenda para prensa de onte á tarde, para explicarnos que é o que fai que Tiger sexa diferente.

Polo momento, Tiger só abre na Coruña aínda que outras cidades galegas xa mostraron moito entusiasmo ante unha potencial apertura. “Vigo e Santiago son dúas fortes que están a reclamar un Tiger”, dinos Diego Anderiz. Os socios agardan abrir moitas máis tendas nos próximos anos aínda que, polo momento, non nos quixeron dar moitas pistas sobre onde estará esta nova tenda.

Tiger abre hoxe ás 10 na rúa Médico Rodriguez 2, con Juan Flórez. 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *