Sexo, (amor), cartas, a Pardo Bazán e Galdós

Emilia PardoBazanSe o público soubese que ti e máis eu… Estamos ao final dos anos 80 do século XIX e Emilia Pardo Bazán, a polémica escritora que trouxera de Francia o naturalismo (reinterpretado en certo grado) con ‘La cuestión palpitante’, escríbelle a Benito Pérez Galdós, un dos autores máis populares do momento, un dos máis respectados e lidos, unha figura clave pola súa posición política e un dos nomes básicos do realismo. Ambos son, por se alguén no lera entre liñas na declaración de Pardo Bazán, amantes. A súa relación comezara uns cantos anos antes, a principios da década, como unha formal correspondencia literaria entre dous dos autores do momento. Galdós felicítaa por ‘La cuestión palpitante’ (é a única carta que chegou ata nós), ela fala das novelas del. Pero pouco a pouco o que empezou como un cordial intercambio entre colegas vaise converter nunha relación amorosa, moi importante na vida dos dous escritores e bastante descoñecida para o gran público ata agora. As cartas que Emilia Pardo Bazán lle escribiu a Benito Pérez Galdós acaban de ser publicadas nunha apaixonante recompilación que demostra que os decimonónicos tamén sentían e padecían.

“Sabíase nos círculos filolóxicos”, explica nunha cafetería preto do MARCO de Vigo Isabel Parreño, a profesora de lingua que está, xunto con Juan Manuel Hernández, detrás desta completa edición da correspondencia da condesa de Pardo Bazán a Galdós. “Había unha edición dos anos 70, de Carmen Bravo Villasante, que recompilou 38 cartas, as do momento máis forte de sedución”, indica. Foi así como Isabel Parreño entrou en contacto con esta interesante historia. Nunha visita á casa museo de Emilia Pardo Bazán na Coruña, na zona final (onde se poden ver algúns libros de ou sobre Emilia Pardo Bazán) púidolle botar unha ollada á correspondencia publicada por Bravo Villasante. “Quedáronme gañas de se habería máis cartas”, dinos. “Empecei a investigar onde habería máis cartas”, apunta. E así comezou unha labor de arqueoloxía literaria que lles permitiu localizar as máis de 90 cartas que compoñen ‘Miquiño mío. Cartas a Galdós’, que acaba de lanzar a editorial Turner. 

miquino mio. cartas a galdosAs cartas son, por certo, só de Emilia Pardo Bazán. Da parte da correspondencia que lle corresponde a el, só sobreviviu unha pequena misiva (a primeira coa que comeza ‘Miquiño mío’) que Pardo Bazán lle regalou a unha amiga coleccionista de autógrafos de famosos na época. O resto, as cartas nas que a paixón amorosa do escritor canario se desbordaba como facía a de Emilia na que si nos chegaron, non conseguiron sobrevivir ao paso do tempo e, posiblemente, ao lume. “Ricardo Bullón conta que tivo a testemuña directa dun militar que ía na escolta da familia Franco cando tomaron posesión de Meirás e cando chegaron alí houbo unha limpeza. Queimáronse papeis, diarios, cartas, posiblemente estas e moitas máis”, explícanos Isabel. “Queimouse case todo. Do arquivo persoal da Pardo Bazán non queda practicamente nada”. E se as cartas de Galdós non estaban nas Torres de Meirás tampouco tiveron moita oportunidade de sobrevivir en Madrid. “A súa casa en Madrid na rúa Princesa foi saqueada durante a Guerra Civil”, dinos Isabel. “É posible que aí tamén se perderan”.  Isabel Parreño apunta outra teoría e é que fosen as propias fillas da condesa quen as destruísen cando morreu a súa nai.

Porque os fillos de Pardo Bazán (tres) nunca chegaron a saber en vida da súa nai (como practicamente lle aconteceu a todo o mundo) os poderosos nexos de unión entre a nai e o escritor favorito da familia, Benito Pérez Galdós. Cando escribía a Emilia, Galdós enviaba dúas cartas: unha oficial, que toda a familia podía ler, e outra, agochada, privada e só para Emilia Pardo Bazán. “Había rumores, polo que pensamos que Galdós lle dicía polo que ela lle responde”, concede Isabel Parreño, pero todo era moi “secreto”. Os dous escritores tiveron unha rede de lugares de encontros e plans para verse sen chamar a atención que cubrían a súa relación. Galdós era, ademais, unha persoa moi celosa da súa privacidade. Chegaron a viaxar xuntos por Alemaña (sabémolo polas entusiastas cartas que Emilia Pardo Bazán lle escribe ao volver) pero esa viaxe tamén estivo protexida por unha serie de escusas para familiares e amigos para que ninguén soubese nada. A viaxe foi o punto cumbre da súa paixón amorosa e tamén o seu punto e a parte. “El pon un pouco de distancia”, dinos Isabel. “Xa o fixo noutras relacións que Galdós tivo. Non quere romper, pero pon distancia”. Mentres Emilia Pardo Bazán volve a Madrid e lle escribe (pedindo un novo encontro), el permanece en Santander (e non moi ocioso, no 91 ten unha filla cunha antiga modelo para pintores).

“Foi o seu amigo da alma”, dinos Isabel Parreño, “aínda que ela sempre mantivo a súa independencia”. A relación foise enfriando e os amantes acabaron por ser amigos. Nas derradeiras cartas, Emilia Pardo Bazán volve incluso a tratar de vostede a quen uns capítulos antes era o seu miquiño querido ou ratonciño. Nos anos que estiveron xuntos, iso si, ambos escribiron algunhas das súas obras mestras. 

Foto | Casa museo Emilia Pardo Bazán, Turner

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *