3 ideas para viaxar este verán (con cartos ou sen eles)

Ideas para viaxar

Viaxar é o máis cool que hai: coñecer novos lugares, falar con novas persoas, somerxerse en novos mares, transitar novas estradas…iso é vida e non o do día a día.  Pero viaxar non é sempre posible e na maior parte dos casos ten unha contrapartida monetaria. É certo que os vos low-cost e os albergues de xuventude permitiron unha gran democratización do turismo, pero tal e como están hoxe as cousas ata iso pode parecer un exceso (xa sabedes, logo dirán que viviades por enriba das vosas posibilidades por ir a Londres con ryanair e quedar na casa dun amigo).

Así que o que o hoxe está de moda á hora de viaxar é agudizar o enxeño. Non tanto porque mole como porque é necesario, pero en Disquecool queremos contribuír a esta tendencia dándovos algúns consellos (uns máis obvios que outros) para que vos esquezades de culpas e adiquedes o verán a viaxar. Porque se aquí non haberá verán, teremos que buscalo nalgures.

1. Traballar

Guau, que planazo, buscabamos diversión e atopamos obriga. Síntoo, pero esta é a forma máis barata de cambiar de aires que existe (ás veces, ata pódese gañar cartos!), e para os que non están traballando pode ser unha opción a non desprezar. Hai moitas webs que ofrecen determinados tipos de traballos temporais a cambio de aloxamento e manutención, e quizais un o pase mellor  traballando nun barco no medio do mar Exeo que vendo chover  pola fiestra e escribindo cartas de presentación. Unha das opcións máis valoradas é a de formar parte da tripulación dun cruceiro, pero o certo é que en moitos non te deixan baixar nos portos se estás traballando. En Find a crew podedes crear gratis o voso perfil, e se non vos serve para unha longa e completa viaxe, sempre vos pode servir para ir gratis de España a Italia, vía marítima. Outros clásicos son ofrecerse como aupair polo verán (hai familias que incluso buscan a alguén con quen ir de viaxe e poder gozar do novo país mentres ese alguén se ocupa dos  nenos), buscar no servizo de voluntariado das oficinas de xuventude ou ir traballar nunha granxa ecolóxica (botade un ollo á páxina de World Wide Opportunities on Organic Farms).

2. Non pagar polo aloxamento

Quen non ten hoxe en día amigos no estranxeiro? Inglaterra e Alemaña poden ser dous destinos moi apetecibles, e se non hai que pagar un hotel, disminúen moito os gastos. Tamén falamos aquí xa de Couchsurfing, unha web de intercambio de hospitalidade, pola que podes durmir no sofá de xente diversa e facer novos amigos sen gastar un euro (o obxectivo non é aforrar, senón ter novas experiencias, pero se de paso aforras, mellor que mellor, non?).  E cunha tenda de campaña e saco de durmir, podes levar a túa propia cama portátil alá onde vaias (mellor se é un país que permite a acampada libre como Francia, Reino Unido ou os países escandinavos).

Se tes unha casa para intercambiar hai numerosas webs que te permiten atopar con quen facelo (o caso é atopar, claro). E se non, sempre queda o house sitting, ti consegues onde durmir e os propietarios conseguen alguén que regue as plantas e dea de comer ao can durante as súas vacacións.

E finalmente está o clásico de durmir nos medios de transporte. Cando fixen unha noite Budapest-Sofia coñecín a un rapaz que estaba viaxando por toda Europa (creo que rollo eurorail), durmindo en camas só  unha de cada tres noites, o resto no tren. Pero hai que ser moi novo para aguantar o ritmo.

Autoestop 6MPasos

3. Non pagar polo transporte (ou pagar menos)

Barato e ideal para manterse en forma é apostar pola enerxía que un mesmo xera. Por que non facer unha peregrinación? Achegarnos a Santiago de Compostela pode non parecer moi excitante a priori, pero non sei quen dixo que a única maneira de coñecer un territorio é recorrelo a pé. Desde Roncesvalles son uns 800 km e desde O Cebreiro só 150 (podes facelo nunha semana). Contacto coa natureza, exercicio físico, e para quen guste, un pouco de misticismo.

Tamén está moi de moda viaxar en bici, barato e ecolóxico, e en Amigos del ciclismo nos recomendan diversas rutas chulas para facer neste medio de transporte que non consume nada. Hai diferentes niveis en función das nosas posibilidades (non trates de facer unha ruta de montaña na túa primeira experiencia, evidentemente). A disquerredactora que o probou, agora trata de repetir cada verán.

Facer autostop é algo básico nos viaxes low-cost, pero non sei se recomendalo porque despois a xente conta historias truculentas e xa non parece boa idea (e ademais eu crecín na época das nenas de Alcasser, cando todas as nais daban unha única recomendación as fillas cando saiamos de casa: “pase o que pase, nunca subas no coche cun descoñecido”).  Compartir coche parece un pouco máis seguro, pero non é totalmente gratis. Se un quere ir a algún sitio en concreto é complicado, pero se simplemente se quere ir cara adiante, pódese facer sen moito problema. Hai moitas webs diferentes para compartir coche.

No mesmo sentido (o que importa é ir e non a onde se va) podedes botar un ollo ás compañías aéreas low-cost que operan desde Oporto, Santiago ou A Coruña. Sempre hai algún sorpresivo destino por menos de 40 euros…

Outras recomendacións xerais incluirían comer de supermercado , buscar os días negros dos hoteis (cando baixan os prezos porque non adoitan ter xente), hospedarse lonxe do centro ou buscar hotel no último minuto (normalmente se chamas a un hotel ás 11 da noite, están bastante dispostos a baixar o prezo para esa mesma noite).

Se nada vos convence, sempre podedes probar o que recomendou unha amiga: viaxar cos pais (se teñen unha mellor situación económica). Nos vos deixarán pagar nada por moito que insistades!

Foto | Andrés Fraga

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *