(S8) Mostra de cinema periférico: vangarda cinematográfica en A Coruña

Mostra cinema perifericoSúper 8, cinema expandido, cinema doméstico, metraxe atopado… o cine é moito máis do que podemos ver  nas salas, aínda que a maioría de nós apenas nos decatemos. Existe un cine vangardista e experimental, que se leva directamente aos museos, e tamén un cine persoal e caseiro, que permitiu comezar a moitos autores hoxe consagrados. Todos eses produtos audiovisuais diferentes teñen o seu espazo na (S8) Mostra de Cinema periférico, que se celebra esta fin de semana en A Coruña.

O obxectivo? Recoller e dar protagonismo as propostas menos convencionais, independentemente do formato, pero tamén dar conta do rico panorama de autores que continúan a empregar as películas de pequeno formato (super8 ou 16 mm), e revisar tamén a historia do mellor do cinema experimental. Trátase xa da 4ª edición dun festival único no país, e que comparte o espírito explorador de mostras referencias do panorama internacional:Róterdan, Oberhausen, Ann Arbor, Media City, o Images Festival (Toronto), 25 FPS (Zagreb) ou la Viennale.

Este ano un dos puntos fortes é a estrea dos primeiros traballos de Jaime Chávarri en 8mm e súper 8. Este autor é un dos máximos expoñentes do cinema experimental na transición, e ‘Run, Blancanieves, run’ e ‘Ginebra en los infiernos’ son as súas primeiras aproximacións á longametraxe, que no seu momento só se puideron visionar en cineclubes e proxeccións particulares. Tamén poderemos gozar dun especial Georges Melies, no que se proxectará unha recompilación das pezas deste pioneiro, con dous invitados de excepción: dos descendentes de Melies que porán a música e diversas improvisacións. O cine experimental arxentino é o 3º gran protagonista, cunha ‘antoloxía fantasma’ (selección de filmes experimentais arxentinos de entre os anos 30 e 80) e  a filmografía de Claudio Caldini (quen, ademais, impartirá un obradoiro de cine.

Aínda que se trata dunha mostra internacional, a presenza  das creacións galegas é sempre importante a través da sección Sinais, que, nesta edición, dará a coñecer os últimos traballos de Lois Patiño e o cine expandido de Miguel Mariño.

Podedes ver a programación ao completo, así como as actividades paralelas na páxina web da (S8) Mostra de cinema periférico. As proxeccións terán lugar na Fundación Novacaixagalicia, Teatro Colón, Centro Galego de Artes da Imaxe, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa e Fundación Luís Seoane entre o 5 e o 8 de xuño. Déixovos aquí o vídeo promocional, protagonizado por un heroe do súper 8.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *