Os festivais que veñen: xuño 2013

festivaisPor fin! Xa case é xuño! O 40 de maio está moi próximo! Será VERÁN e iremos a festivais como se non houbese mañá, deixaremos os abrigos na casa, e pouco a pouco irán viaxando ata o fondo do armario e non sairán ata novembro. Non deixedes que ningunha canle francesa vos diga outra cousa, eu teño a miña propia teoría e é a verdadeira: o verán desprazouse, todo o ano está desprazado. Non notastes como nos últimos tempos setembro é o mes de mellor tempo e en outubro aínda temos ás veces días de praia? E xuño e xullo son bastante malos… Pois iso. Xuño é o novo maio. Xullo é o novo xuño. Agosto o novo xullo e setembro o novo agosto.

Unha vez que temos isto claro, podemos empezar a desfrutar dos festivais de xuño sabendo que en realidade estaremos en maio. Non esquezades as chaquetas e as cazadoras.

– En Galicia. Pop Voyage. Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de xuño. Chega a segunda viaxe do barco máis pop! O festival Pop Voyage volverá a sucar a ría de Arousa ao ritmo, esta vez, de Niño y Pistola, Músculo!, Cazador, Disco Episcopal e She’s In Parties. Quen quere ir no barco de Weezer tendo este Pop Voyage moito máis preto? As entradas están xa á venda (e a piques de esgotarse) por 18 euriños de nada.

– En España. Festival de los Sentidos. La Roda (Albacete), 14-16 de xuño. Estiveches algunha vez en Albacete? Esta é a túa oportunidade, cun festival que non só quere a atención dos teus oídos, senón tamén do teu padal e do resto dos teus sentidos. Empecemos pola música, que é do que falamos aquí: tocarán xente como Zahara, Grises, Anni B Sweet ou Delafé Y Las Flores Azules, estará pinchando Ángel Carmona (a voz que fai as mañás de Disquecool máis fáciles con Hoy Empieza Todo en Radio 3) e haberá un tributo a Héroes del Silencio (Héroes de Leyenda: dá medo? Si. Esperta curiosidade? Tamén). O extramusical está tamén moi ben: os fans do Comidista, Mikel Iturriaga, podedes xogar a perseguilo pola feira de tapas (el é o xurado do concurso), haberá unha mostra de viños, un concurso de fotografía dixital e unha exposición de bicicletas urbanas. Todo por 19 euros (27 se queres acampar).

– No estranxeiro. All Tomorrow’s Parties Iceland. Ásbrú, Keflavík (Islandia), 28 e 29 de xuño. Se se trata de pasar frío este non-verán, mellor facelo ben e viaxar ata Islandia ao festival que Nick Cave xa di, antes de tocar (porque si, é cabeza de cartel), que será o seu “festival favorito” (refírese aos festivais All Tomorrow Parties, que hai en moitos lugares do mundo) no seu “país favorito”. Non te chega? E se dicimos que o ATP Iceland se celebra nunha antiga base da OTAN? A cousa mellora? E no cartel, ademais de Nick Cave & The Bad Seeds, están Thee Oh Sees, Múm, The Fall e The Notwist entre outros. Non soa mal. E as entradas están a 110 euros. E volverás sabendo de grupos islandeses que ninguén máis coñece (Sigur Rós? Son taaaan mainstream…).Buscando xa voos baratos a Islandia?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *