Calcetando nun escaparate

SONY DSCNa antiga fábrica de chocolates Raposo (unhas das máis míticas de Santiago, que estivo dende os anos 40 ata finais dos 90 no local da rúa das Orfas), onte había algo especial. O grupo de calceta iPunto ocupou o escaparate da hoxe tenda de roupa Viriato para facer unha demostración en vivo sobre calcetar e dar, sobre todo, a coñecer unha iniciativa coa que conmemorarán o 125 aniversario da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. A partir de mañá 29 de maio e durante un mes, na escola poderanse ver estatuas ‘intervidas’ por unha guerrilla de calceta. Calquera poderá achegarse a velas.

“A verdade é que non é moi diferente ao que facemos habitualmente“, explicábanos Paqui mentres facía ganchillo sentada no escaparate de Viriato e tras asegurarnos que “é moi divertido”. O grupo de calceta iPunto reúnese os mércores na cafetería M Café (na Fonte de Santo Antonio, tamén en Santiago), onde calquera se pode unir. “Ti chegas, séntaste e xa esta”, apuntaba María, outra das integrantes do iPunto e quen tamén se sumou ao de tecer en público. “Traes o teu proxecto e axudámonos entre todas”, dinos. “Non damos clase. Compartimos coñecementos”. No M Café tamén calcetan ao lado da fiestra, dende onde calquera pode ver o seu traballo e, quen sabe, unirse. “Non é difícil”, promete Paqui cando lle preguntamos polas dificultades da calceta. No escaparate de Viriato non se podía ver aínda o traballo definitivo con que vestirán estes días ás estatuas da Mestre Mateo (confirmáronnos que si, que estaban a traballar neses proxectos concretos).

O que si queda claro é que calcetar, por se alguén aínda o dubidaba, non é cousa das avoas. “Un dos motivos polos que facemos as cousas que facemos é para cambiar a mentalidade da xente”, dinos Paqui. “Isto é tan moderno como calquera outra cousa”, defende. Elas son quen están, por exemplo, detrás das accións de guerrilla que se viron o día mundial da Calceta en Público en Santiago (e estade atentos porque a próxima edición está ao caer). Estar nun escaparate axuda tamén a que moitas máis persoas se interesen pola calceta. Dende Viriato, quen apoiaron esta acción e quen cedeu o escaparate, explican que a idea lles pareceu moi interesante. Ao fin e ao cabo, eles son unha empresa que leva dende 1950 facendo roupa de punto.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *