O disco da semana: Trouble Will Find Me, de The National

d08538b25aeb7d6d834ab6f674216112Cando comezamos isto de falar dun disco cada semana, as premisas a cumprir polo disco eran: ou ben era un disco que lle gustaba moito a servidor, ou ben se lle agardaba certo impacto mediático que facía recomendable non pasalo por alto. A ‘Trouble Will Find Me’ (4AD, 2013) o segundo xa se lle vía vir. The National levan máis dunha década facturando temas impecables, discos fantásticos, pero o exitazo de ‘High Violet’ garantía que o seu vindeiro disco sería máis que agardado. Ben é certo que as tensas relacións da banda a piques estiveron de rachar coa formación hai xa máis dun ano, treboada que semella ter calmado xa. Pero, tras todo isto, e o disco que tal está? Pois ben, grazas. Non moi ben, só ben, quizais bastante ben. Bah, que demos, o disco está fantástico. Pero partimos da base de que esta xente enlazou ‘Alligator’, ‘Boxer’ e ‘High Violet’ como tres últimas referencias discográficas. E iso, xente, implica xogar non só cos mellores, senón falarlles cara a cara, e entrar no círculo de “unha das mellores bandas dos últimos anos”. Signifique iso o que signifique. Ante a comparación con discos previos, ‘Trouble Will Find Me’ semella perder. Non perde por K.O., pero de primeiras perde. Remata acadando, se recorremos a iso de “gaña coas escoitas”, pero iso sempre me pareceron escusas de mal pagador.

Entón sentádesvos, descargades o disco quitades o precinto e escoitades por primeira vez o disco, admirando a súa portada e as súas cousas. Falta algo. Chamádelle nervio, intensidade, frescura, ou chamádeme imbécil a min e deixádevos de estupideces. Pero de primeiras falta algo. Se admitimos iso, logo podemos volver escoitalo, e ir caendo pouco a pouco nunhas redes que nos atrapan con máis facilidade do que nun comezo criamos. E é que ao final o único que realmente se bota en falta é que ‘Trouble Will Find Me’ non é un disco tan doado como ‘High Violet’. Custa máis, non está destinado a ser tocado neses grandes estadios aos que moitos, por desprestixiar á banda, crían que aspiraban. Houbo quen veu nos de Brooklyn (que fermoso, Brooklyn) a uns novos Coldplay, deses que se van afastando do fermoso camiño marcado nun principio. Pois deixemos claro que para discos persoais e de toque intimista, ‘Trouble Will Find Me’. E iso é así en todo momento, salvo a única excepción dese deixarse abandonar polas guitarras de Sea of Love.

O son acústico de I Should Live in Salt lémbranos que, despois de toda esta labia baleira, a The National botabámolos moito en falla. O vozarrón de Matt Berninger, as colaboracións xa habituais de Sufjan Stevens e Richard Reed Parry, e as fantásticas novidades de St. Vincent e Sharon Van Etten. A sobriedade de Demons, un dos temas adiantados deste disco, ou a menos recollida de Don’t Swallow the Cap, un tema que nos lembra no inicio a Twin Shadow, pero que convulsiona de xeito o suficientemente violento para imaxinarnos os típicos espasmos de Berninger. En todo caso, o punto forte deste traballo comeza a partir da fantástica Fireproof. Sobrecolledora e bárbara, sinxelamente perfecta, contrapunto fantástico a ese Sea of Love xa comentado.

Dura pouco esa concesión ao ritmo pegañento. A fórmula de Fireproof repítese en Heavenfaced e This is the Last Time, confirmando que The National se atopan inmensamente máis cómodos nun mundo máis recollido e humilde. Eles están máis a gusto, e o certo é que nós tamén. En todo caso, momentos de máis mobilidade, como Graceless, agradécense, para buscar unha fuxida do entumecemento no que caen The National en cortes como Slipped. Entón, onde narices ficou iso de que era un disco normaliño? Xa vos dixen, na primeira impresión, porque despois de escoitar atentamente I Need My Girl ou Humiliation un non sabe que cona pretendía dicir con iso de que a este discazo lle faltaba algo. Serven, ademais, para confirmar a Bryan Devendorf como o mellor batería da actualidade. O demais dirao o tempo, pero de momento ‘Trouble Will Find Me’ contribuirá a que a sobresaliente traxectoria de The National continúe camiño.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *