Na casa museo de Manuel Antonio

unha das salas do museo

Nos anos 20, Rianxo nada tiña que envexar á antiga Atenas. Semellante afirmación díxoa Rafael Dieste, un dos mozos que formaban parte dese entorno cultural. A pequena vila era o lugar de orixe non só de Dieste, senón tamén de Castelao e de Manuel Antonio, quen eran parte das vangardas culturais (e políticas) da Galicia do momento. E quen máis na vangarda estaba era Manuel Antonio (xa sabedes, o escritor máis cool da lingua galega), que viña de asinar o manifesto Máis Alá con Álvaro Cebreiro e que trouxera un sopro de aire fresco (e tan fresco) á literatura galega cos seus poemas. Manuel Antonio non viviu moito máis alá desa idade dourada rianxeira (faleceu no 1930, vítima da tuberculose), pero durante a súa curta vida conseguiu deixar unha pegada inesquecible na literatura galega. Agora, moitos anos despois da súa morte, pódese recuperar a súa memoria visitando a súa Casa Museo na súa localidade natal.

A Casa Museo de Manuel Antonio está na mesma rúa de Rianxo na que están a casa de Castelao (polo momento pechada por completo, aínda que se vos achegades ás ventás do baixo veredes os restos dunha exposición de electrodomésticos) e de Rafael Dieste (que tamén está pechada, agardando unha dotación económica que lle permita ao concello convertela nunha casa homenaxe ao escritor). Esta non é a casa na que naceu o poeta en 1900, aínda que si é a casa familiar, mercada polo seu avó cando volve da emigración. Pódese ver o retrato do avó de Manuel Antonio nunha das primeiras salas, na que tamén se recorda ao tío do poeta, que foi alcalde conservador en Rianxo durante unha década (o seu inimigo político era… o pai de Castelao!), e ás dúas tías, as telefonistas da vila.

Visitar a casa permite adentrarse na memoria non só da obra de Manuel Antonio (e descubrir que a primeira edición de ‘De catro a catro’ foi de só 200 exemplares) senón tamén da súa vida. Fillo dun home que morreu cando el tiña catro anos de tuberculose, foi apartado de Rianxo trala morte do pai para escapar da maldición da enfermidade. Así pasou os seus primeiros anos en Padrón, onde viviu coa súa avoa materna e despois co seu tío, que era chantre na colexiata de Iria Flavia. Era un entorno moi conservador e relixioso, do que o poeta saíu cando marchou estudar a Santiago de Compostela no 1913 o bacharelato. No museo pódese seguir a pista dos primeiros anos de Manuel Antonio con fotos, documentos escolares e ata coas típicas notiñas que se pasa cos amigos. A finais da década, Manuel Antonio é xa un mozo con inquietudes, que decide apuntarse na Lexión Estranxeira francesa para loitar contra os alemáns na I Guerra Mundial. No consulado francés na Coruña non queren saber nada del e o rapaz marcha ata os Pirineos para apuntarse tras cruzar a fronteira. Na Europa preSchengen, Manuel Antonio é arrestado cando ten que pasar o paso fronteirizo con Francia e devolto a súa nai.

O derradeiro billete de barco de Manuel Antonio

O derradeiro billete de barco de Manuel Antonio

Na época é tamén cando empeza a escribir, como os textos anticaciquís que escribe no xornal de Padrón La Redención co pseudónimo Z para que a súa familia non descubra que el é quen os asina. Son os tempos do Manuel Antonio estudante de náutica en Vigo e despois aprendiz de piloto, pero sobre todo de poeta. Son os anos que todos tivemos nos nosos libros de Literatura Galega da escola. No museo pódese seguir a pista desta época mediante manuscritos, fotos ou a maqueta do pailebote Constantino Candeira. Os documentos da época non fan máis que confirmar a modernidade do escritor, que lía todas as revistas literarias cantas podía e que facía traducións do francés ao galego dos textos de vangarda. E ademais pódese ver ao poeta coa cabeza vendada, nunha foto misteriosa que explica que é el ferido no 1925 tras unha liorta nunha romaría de Abanqueiro. Ao parecer, acabou así tras defender a unha moza.

O museo non é unha casa museo ao uso. Case non hai mobles (só na primeira planta hai algúns dos que tiña a familia na casa), pero si unha chea de documentos e paneis que explican a vida do poeta e a súa importancia na literatura galega. A entrada é gratuíta, aínda que só está aberto os venres pola tarde e os sábados pola mañá (durante esta tempada tamén os domingos pola mañá). Fan visitas guiadas e aperturas fóra dese horario para grupos e escolares, que só teñen que pedilo ao concello con antelación. Está na Rúa de Abaixo, 24.

As fotos de Xosé Pérez

Xosé Pérez é un dos curmáns de Manuel Antonio, en concreto aquel co que o poeta tivo máis relación. Aínda que ninguén pode explicar como ou porque, Xosé Pérez era un aficionado á fotografía. Non se adicaba de forma profesional, xa que a súa profesión era a de mestre industrial. Pero a súa cámara é unha testemuña de excepción para un tempo especial. Como explican nun dos paneis da Casa Museo, Rianxo era entón unha vila chea de optimismo e entusiasmo a pesar de que tiñan unha chea de problemas por estar mal comunicados, ter un porto pouco abrigado e unha flota mariñeira máis ben doméstica. Os homes emigraban ou ben a América ou ben enrolábanse nos barcos carboeiros. Entre 1900 e 1930 a poboación de Rianxo non medrou: estiveron estancados nos 9.000 habitantes.

As fotos son unha testemuña deses tempos e foron recuperadas coa apertura do museo. Na planta baixa, Xosé Pérez e as súas instantáneas da vida no Rianxo dos anos 20 son as protagonistas.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *