La Industrial, o novo destino cool en Compostela

La Industrial Santiago de Compostela 2

No local no que antes estaba en Santiago de Compostela o Toñi Vicente, o restaurante de luxo que tivo un final non moi glamuroso, acaba de abrir as súas portas La Industrial, un sitio bastante cool pero moito máis adsequible que o seu predecesor no local.  “Somos un sitio ao que poder vir comer ou merendar, un sitio no que cada un decide o que quere facer”, explícanos Xoana, a súa responsable dende o outro lado da barra. Xoana traballaba en Madrid no sector da hostalería, pero decidiu volver a Galicia coa súa parella, que é arquitecto e o responsable do aspecto do local. “Faltábanos un sitio de estas características”, cóntanos. Buscaron espazos pola comunidade e, ao final, foi Santiago quen se converteu na cidade gañadora. “Gustounos o local”, dinos Xoana. E así, a mediados de decembro, abriu as súas portas La Industrial.

A decoración é o primeiro que seduce ao potencial consumidor. Cadeiras de cores, mesas de tamaños diferentes (incluída unha desas mesas xigantescas comunais), sofás na entrada (que lle dan un toque salón de casa que é encantador), lámpadas de aspecto industrial… O mobiliario é diferente, distinto, pero o resultado final é moi agradable. “Buscábamos que fose un sitio cálido e acolledor”, explícanos Xoana. Algúns dos mobles son recuperados, “como as cousas de decoración e as lámpadas”. Hai unha balanza de vello ultramarinos ou botes de cristal de toques retro repartidos polo local, que lle dan o toque final.

La Industrial Santiago de Compostela

Aínda que La Industrial pode ser unha opción estupenda para merendar, para tomar un café ou para tomar unha copa (teñen unha carta de cócteles), tamén é un destino para comer. A carta é variada, incluíndo as clásicas croquetas (bautizadas da avoa), as tostas con pan galego ou pratos de peixe e de carne, entre outros, para poder contentar aos comedores con máis ou menos fame. Durante os mediodías teñen ademais un menú pechado, con primeiro, segundo e sobremesa e “seguindo a liña da carta”.  Despois de comer, a carta das sobremesas é tamén tentadora. Hai, por exemplo, filloas de plátano con salsa de chocolate, que é unha mostra estupenda das exquisiteces que poderemos atopar.

La Industrial está na Avenida de Rosalía de Castro, no número 24. Pecha os domingos

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *