Cousas que aprendemos no Zinc Shower

MataderoAs industrias creativas interesan. Iso é o que semella quedar claro cando unha visita unha feira especializada no tema. Culturgal é ano tras ano unha romaría: hai unha chea de xente que se para nos stands, vai ás actividades e se interesa polo que lle contan. O Hay Festival é cada ano unha cita sinalada no campo da literatura e as diferentes feiras sobre creación e internet son sempre éxitos de asistencia. O Zinc Shower é a última en unirse ao listado de encontros sobre creación, engadindo o apelido innovación e apostando por un formato de conferencias breves, talleres, horario múltiple (tes que organizarte moi ben!) e breve zona de exposición. Acaba de botar o peche na súa primeira edición, que ocupou o xoves, o venres e o sábado da semana pasada. A entrada hai que pagala (algúns destes eventos bastante multitudinarios son gratis) e o prezo non era barato tendo en conta os tempos que corren. A primeira lección que aprendemos é que a xente está disposta a pagar, porque o tema lle interesa. 

Igualmente, non só se paga para entrar senón tamén para velo. Non sabemos canta xente chegou de fóra a Madrid, onde se celebraba o evento (nun marco bastante acorde co que era, o Matadero), pero a observación en directo demostraba que había unha porcentaxe interesante que viña de fóra. Moitos viñan a aprender e outros moitos a facer networking. Aínda que un dos reclamos para emprendedores do evento era que permitiría coñecer a uns cantos inversores, unha das emprendedoras que estaba na zona de exposición díxonos que xente interesada unha chea, pero que inversores case que ningún. Eran máis os que acudían para saber, tanto que algún que outro problema vimos na entrada daquelas charlas que tiñan afora limitado.

Os contidos poden darnos outra lección a aprender: interesan moito as novas tecnoloxías, pero tamén os novos modelos de negocio e as novas apostas en produtos, os cambios que están a vivir as industrias creativas máis tradicionais – como é o caso da música ou do libro – e – isto sobre todo – as historias de éxito de quen xa conseguiron o éxito. Un exemplo desta última, modelo do que mola ao público, a charla de Kike Sarasola contando os segredos dos Room Mate Hotels. Pero aínda máis gustan os talleres prácticos: os de marca persoal, os de redes sociais e os que axudan a potenciar as cousas boas de cada quen.

Pero sobre todo chama a atención como as industrias creativas están decididas a ser innovadoras. Todas as actividades da grella o demostraban e o caso da industria do libro (ou máis ben do que está nacendo sobre a industria do libro) pode ser un exemplo. No espazo de exposición había varios exemplos de reinvención, dende quen apostaba por traducións ao inglés ata quen convertía ao libro electrónico nun agasallo físico e por tanto en papel.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *