10 estreas da primavera 2013

Como xa perdemos completamente a fe de que a primavera (a real) chegue algún día, podemos conformarnos tranquilamente cos praceres outonais que a chuvia nos depara, como tomar chocolate quente, pasar longas tardes xogando ao trivial na casa ou ir ao cine. A boa noticia? Que esta primavera vén repleta de estreas ben interesantes e que o verán estea tan lonxe significa que aínda falta moito para que nos quedemos sen filmes bos que ver.

Repasamos 10 estreas desta primavera con boa pinta, polas críticas que as preceden, polo argumento, ou porque confiamos nos seus directores. 10 estreas que apuntar nas nosas axendas.

1. ‘Barbara’ – Christian Petzold (5 de abril)

‘Barbara’ conta a historia dunha médico de Alemaña do Leste que, tras tratar de deixar o país, é transferida a un pequeno hospital de provincias. Una historia sobre o pano de aceiro que lle valeu ao seu director o oso de prata no Festival de Berlín 2012.

2. ‘To the wonder’ – Terrence Malick (12 de abril)

O cineasta de culto Malick segue a estela de ‘A árbore da vida’ cun drama romántico sobre un matrimonio onde xa se acabou o amor. Non causou moito entusiasmo no Festival de Venecia, pero teremos que facernos a nosa propia opinión.

3. ‘On the road’ – Walter Salles (19 de abril)

Adaptación ao cine da mítica novela ‘On the road’, onde Jack Kerouac narraba a súa viaxe por América na década dos 40.

4.  ‘O exercicio do poder’ – Pierre Scholler (19 de abril)

Thriller político francés sobre un ministro que debe facerse cargo dun gabinete de crise. Intereses persoais e económicos, pugnas de poder, a natureza da clase política… o que intuímos todos os días na vida real, pero na ficción. Gañou un premio Cesar ao mellor guión orixinal.

5. ‘Terra prometida’ – Gus van Sant (19 de abril)

Un gran executivo viaxa a unha aldea de gandeiros para tratar de obter os dereitos de perforación da terra. Os seus esforzos para conseguilo levaránlle tamén a considerar o que foi a súa vida ata ese momento.

6. ‘Onte non termina nunca’ – Isabel Coixet (26 de abril)

O último filme de Coixet trata o tema da crise e das feridas que non cicatrizan a través dunha parella que se reencontra tras 5 anos sen verse. Todo parece indicar que será bastante deprimente, iso si.

7. ‘7 caixas’ – Juan Carlos Maneglia e Tana Schembori (3 de maio)

Thriller paraguaio sobre un carreteiro do mercado que recibe a proposta de trasladar 7 caixas por moito diñeiro. Por suposto a proposta nin é tan legal nin tan fácil como parece. Foi todo un éxito  ( de crítica e público) en Paraguai.

8. ‘Tango libre’ – Frédéric Fonteyne (3 de maio)

Un garda de prisións coñece en clases de tango á muller dun dos presos do cárcere no que traballa. Os triángulos amorosos sempre traen problemas.

9. ‘Stoker’ – Park Chan-wook ( 10 de maio)

O director de ‘Old boy’ segue apostando polo thriller inquietante, neste caso cunha historia de terror protagonizada por unha adolescente peculiar que ve como a súa vida esborralla cando o pai morre nun accidente de coche.

10. ‘Indignados’ – Toni Gatlif (17 de maio)

Documental ficcionado sobre o movemento “indignado” que se desenvolveu polo sur de Europa en 2011, desde o punto de vista dunha inmigrante ilegal.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *