Os Amigos dos Músicos: “Cada vez que ensaiamos, as cancións soan diferentes”

Os Amigos dos Músicos

Os Amigos dos Músicos son uns vellos coñecidos de Disquecool, xa que tocaron (en formato de dous) na nosa Disquefesta. Agora son outro dos grupos elixidos por Desconcierto Cultural para participar no Record Store Day Galicia, como representantes da cidade de Ourense. Falamos, no Café&Pop Torgal (claro!), con Arcadio, Jaime, Raúl e Rosa, os integrantes principais (aínda que, como aprenderemos, son un grupo de formación moi flexible) da banda para falar de tendas de discos, de proxectos de futuro e de como chegaron os amigos dos músicos a formar unha banda propia.

– Empezamos cunha pregunta clásica: como empezou Os Amigos dos Músicos?

Jaime: A verdade é que normalmente nos reunimos cunha pizarra e facemos todas as entrevistas tipo e imos enchendo ocos e aprendendo. Cando nos preguntan como se formou a banda sabemos todos cal é a resposta estándar.

– E cal é?

J: Coñecémonos desde hai moito e tocábamos xuntos en proxectos diferentes: con Arcadio coincidín en Annie Hall, con Raúl sempre toquei. E Rosa é unha historia aparte. Xuntámonos como banda de acompañamento para Dani, Boy Elliott, que nun momento presentou unhas cancións e necesitaba uns músicos para acompañalo e fumos nós. Fixemos como dous ou tres concertos xuntos e desde aí retomamos…

Arcadio: A raíz dunha gravación para un concurso.

J: Si, pero iso xa foi a segunda parte, cando xa éramos Os Amigos dos Músicos como entidade propia.

Raúl: Era máis como unha sociedade de xente que se coñece, que queda para tocar, para ir a concertos, para compartir cancións.

A: Pero si, un pouco o feito fundacional foi gravar esa canción con letra de Carvalho Calero para o concurso de AGAL.

J: Si, e a partir de aí foi cando empezamos a pensar máis en serio en facer algo coas nosas propias cancións. Cada un empezou a facer e facer cancións e de pronto tiñamos un montón.

Os Amigos dos Músicos– E cando foi iso?

A: Eu creo que o da canción de Carballo Calero igual foi en 2010, deixámolo pasar, empezamos a ensaiar na primavera de 2011, con Carlos, con Dani, con Marcos… e despois en novembro de 2011 foi cando tocamos aquí, tocamos con Manel, no Teatro Principal. Xa en 2012 fomos a tocar a Santiago.

J: Temos xa uns cantos concertos, a historia é que Os Amigos dos Músicos é unha banda especial porque asumimos todo tipo de formatos. Imos de dous, de tres, de catro, de cinco, de seis… ata o día que vaiamos unha orquesta enteira.

(A Rosa) E a túa historia?

Rosa: Eu son de Corea del Sur. Vin a España por primeira vez hai cinco anos para aprender español, despois coñecín esta cidade por casualidade, e coñecín a moita xente… pero tiven que marchar para rematar a miña carreira no meu país. Despois, como tiña tanta morriña, decidín volver.

– No grupo tamén desde o principio?

J: Non, a primeira vez que Rosa estivo en Ourense, eu non sabía nin que tocaba. Debeu entrar ao final do verán de 2011, porque xa estaba no concerto de Manel.

– Outra pregunta típica, cales son as vosas influencias?

J: Eu creo que a nosa influencia básica é a música de raíces máis folk, pero en todos os ámbitos, tomando desde a música folk americana, a folk galega, a latinoamericana. Nos nosos ritmos e nas nosas melodías eu penso que tomamos un pouco de todo iso.

R: Ao final o que facemos é facer cancións, así que é un pouco o que te sae. Escoitamos música distinta cada un. Hai cousas que escoitamos todos, como os grupos clásicos de rock, os grupos máis americanos de agora… pero sobre todo os grupos clásicos de pop anglosaxón, de Gran Bretaña e de Estados Unidos. Ao final acabas facendo cancións, como podes.

A: Ademais, ao facer unha canción en galego, por moito que te gusten grupos en inglés como os Beatles ou REM ao final tamén colles as influencias que di Jaime de música de aquí, tradicional, da música de Latinoamérica, porque son cancións que están aí. Son cancións que levamos escoitando toda a vida na nosa casa.

– De onde sae cada un de vós musicalmente falando, que escoitabades de adolescentes?

A: Eu con 14 ou 15 anos escoitaba Extremoduro, Def Con Dos, Ultramemia, eses grupos españois que estaban bastante aí nese momento. E despois Oasis, Blur, REM.

J: Aquí a resposta que vai molar é a de Rosa…

Ro: Eu ata os 15 ou 16 anos estaba a tope coa música clásica. Quería ser pianista, pero tiven un accidente nun dedo e tiven que deixalo. Naquel momento estaba a recuperar a axilidade dos meus dedos e a escoitar Beethoven, Chopin, Tchaikovski, Mendelsohn…

A: Moito mellor que Extremoduro!

Ro: E escoitaba tamén grupos coreanos. Non escoitaba música americana ou folk porque non a coñecía, pero despois de tocar con eles estou sempre a preguntarlles e aprendendo pouco a pouco.

J: Eu escoitaba punk, principalmente. Bad Religion, NOFX, Pennywise, todas estas cousas. Sex Pistols, Nirvana moitísimo… punk e grunge.

R: Eu tamén un pouco de todo, desde clásicos ata tiven unha época con 15 ou 16 moi de Lenny Kravitz, ata unha de death metal e cousas estrañas.

– Ao ser un grupo así tan flexible, quen escribe, como é o proceso máis ou menos?

J: Un pouco todos, sobre todo Arcadio, Raúl e máis eu. Temos cada un as nosas cancións. Normalmente cada un escribe a súa, a base, e entre todos matizamos. O que non se cambia normalmente son as letras, so as corriximos un pouco.

– E que vos inspira?

R: Moitas veces o que sae no momento, o que está a soar di para onde tirar…

Ro: É moi curioso, porque cada vez que ensaiamos soa diferente, aínda que toquemos a mesma canción. A sensación non é a mesma, cambia a enerxía.

J: Eu para inspirarme teño que ter un día malo, cando estou máis baixo é cando máis inspiración teño. Se estou máis contento saio á rúa a facer cousas, a pasalo ben.

A: Si, non sei, falar das cousas que cada un pensa e xa está, sen máis. As cousas que che pasan, as que pensas acerca do que sexa, é do que vas escribindo. E ás veces escribes cousas que non sabes de que van, que non sabes que significan. Son palabras unidas, pero non sabes exactamente que é. É un pouco complicado falar disto é ao mesmo tempo tampouco hai que darlle demasiada importancia. Non a facer as letras, senón a por que as fas, buscarlle un sentido…

– Que plans de futuro tedes? Estades pensando en gravar algo?

J: Si, o seu sería empezar a gravar e o ritmo de gravación será determinado por nós mesmos. Acabamos de gravar agora unha canción para o Record Store Day, é a nosa primeira gravación en estudio.

A: É complicado porque hai que preparalo, hai que levar as cousas ben, porque vas a pagar, todos traballamos, non temos demasiado tempo… faise complicado plantear unha gravación medio en serio nun estudio. Outra cousa será seguir gravando cousas en casa. Pero si, ten razón Jaime en que o propio sería intentar gravar algo un pouco ben.

– Que tal a gravación do RSD, a experiencia de todos no estudio por primeira vez?

J: Pois moi ben, moi rápido, pero ben. Tivemos que cambiar a canción polo tipo de gravación, que tiña que ser en directo.

A: Para a outra non había mans suficientes…

R: Si, a que estaba preparada non era moi viable.

– Coñecíades a iniciativa do RSD, o que se fai noutros países, antes disto?

A: Nós o ano pasado tocamos aquí en Peggy Records, e antes eu coñecíao de Estados Unidos…

J: Si, o típico de “lanzamiento de Wilco polo Record Store Day”. De grupos que sacaban cancións ou cousas por ese día.

– Cal é a vosa relación vital coas tendas de discos, algunha lembranza?

R: A referencia en Ourense é Peggy, e despois ou internet ou sitios de segunda man ou así.

A: Eu compro, non moito porque non teño moitos cartos, compraba máis antes… cando os cartos non eran meus! Non tiña gastos que agora si teño. Estudei en Santiago, e alí ía moito a Gong a comprar discos de serie media, e tiñas todo o catálogo clásico, case todos os discos dos 60 e 70 a seis euros. Agora si, de vez en cando vou a Peggy a mercar algún disco, algún vinilo, algún regalo… tamén compro discos por internet e tamén me baixo cousas. Non é un consumo moi grande de música descargada, sigo tendo ese sentido de conseguir un disco e escoitalo. Un disco, durante moito tempo, porque así é como fixen sempre.

R: Eu teño colección de discos, son un romántico nese sentido. Pero entendo que hai xente á que lle gusta a música e que non necesita iso. Que non lle importe ter o disco con el, só escoitalo.

Ro: En Corea é moi distinto. Cando era pequena os meus pais dábanme algo de cartos para mercar chuches, e aforraba e despois ía a mercar un disco do meu ídolo, que me gustaba moito, H.O.T. Como Backstreet Boys en coreano. Aforraba porque na tenda de discos vendían os seus discos, fotos, posters…

– Algún disco que mercarades pola portada e que despois fose un gran descubrimento?

J: Eu un disco de Energy, cunha portada cuns músicos cunhas chamas. Merqueino e está xenial.

R: O meu foi un disco de Dr John, o ‘GRIS gris’, que ten unha portada cun bruxo. Soábame un montón e cría que estaba ben pero non estaba seguro. Foi un agasallo para Jaime e ao final estivo moi ben.

Ro: Eu Standard Fare, ‘Be Into Us’: unha portada na que aparecía un flamenco de rosa, atraíame un montón, merqueino e está moi ben!

Fotos | Disquecool

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *