Editorial Bululú, a última incorporación ao libro ilustrado galego

gulliver 2

Unha nova editora únese ao panorama da edición galega: Chámase Editorial Bululú e está especializada en libros ilustrados. A orixe desta editorial é ademais especial: o seu fundador, Pablo Zaera, levaba anos traballando no sector, pero decidiu lanzarse a crear unha libraría na Coruña e pouco despois sumou a esa iniciativa á Editorial Bululú, bautizada co nome dun actor do século XVI que facía todos os personaxes só con cambiar de voz. “Gustounos pola súa sonoridade e polo significado”, dinos Pablo Zaera.

A Editorial Bululú ten o seu inicio nun libro de David Pintor, que lanzaron en edición dobre en galego e en castelán despois de coñecer os seus responsables ao autor. O libro, unha edición do Quebranoces, funcionou moi ben e a iniciativa converteuse nunha editorial. No último Nadal Bululú sacou dous títulos para nenos a partir de cinco anos, ‘De profesor inventor’, con ilustracións de Irene Sanjuán e texto de Kike Gómez, e  ‘As estrambóticas viaxes de Gulliver’, de Pinto y Chinto. Aínda así non queren quedarse como unha editorial para nenos e esperan sacar libros ilustrados para adultos. As previsións de Bululú son de lanzar ao ano uns catro títulos en edición dobre e, de feito, este verán poderían lanzar a obra dun debuxante e un fotógrafo galegos, “un xogo moi bonito”.

8

Os dous libros presentados neste Nadal están tendo unha acollida moi boa, segundo nos contaba Zaera durante a presentación da editorial en Madrid na librería La Central. “A sorpresa foi ‘De profesor inventor'”, dinos Zaera, lembrando que os seus autores non eran nomes consagrados nin coñecidos. “Xa vamos pola segunda edición” e ademais, explica, o personaxe protagonista, Martiño, empeza a ter xa os seus fans.

Bululú é última en chegar así ao prometedor panorama da edición ilustrada galega, que semella vivir unha sorte de idade de ouro con cada vez máis casas editoras. “En Galicia poderíanse nomear como unhas 20 editoriais que se adican a iso e ademais con moita calidade”, dinos Zaera cando lle facemos notar a idade de ouro na que semella estar a edición ilustrada galega. Como moitas destas editoriais, Bululú vende en toda España e están comezando a mover a exportación para saír ao mercado internacional.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *