Pícnics literarios: a tendencia que queremos instaurar

picnic-literario

As tendencias son así: é necesario que alguén as empece. Cando en Disquecool falamos de tendencias hai normalmente dúas tipoloxías: están as tendencias que son reais e das que nos facemos eco, e están as cousas que nos gustaría que fosen tendencia pero que aínda non o son. A idea é que vós, queridos lectores, non saibades se falamos de feitos ou desexos e que adoptedes o que digamos sen facer preguntas. Isto é moi pouco xornalístico, sabémolo, pero eh, escribimos sobre tendencias. Alguén ten que crealas. Como bos hipsters, ademais, seguro que atopades pracer en ser os primeiros que se lanzan a algunha tendencia, axudando á súa creación.

Pero hoxe imos de cara, non máis manipulación, non máis dicir que algo está de moda cando só hai un par de casos rexistrados. Este artigo tiña como título orixinal “pícnics literarios: a tendencia que queremos recuperar”, pero entón outra disquerredactora comentou que non estaba moi segura de que facer pícnic e falar de libros fose nalgún momento tendencia. E debería selo. Deixádeme explicar.

A primavera está xa case, case aquí. Aínda que nos pareza imposible, dentro dunhas semanas xa non haberá que poñer a calefacción nas nosas casas e pouco a pouco iremos deixando gorros, luvas e bufandas atrás. Cambiaremos abrigos por gabardinas e, mentres nós estamos metidos neste proceso de cambio de armario e de deixar de tremer de frío, a natureza empezará a traballar no seu: verde, flores, verde, flores, un pouco de polen, beleza. De súpeto un día pasas por Bonaval e hai un guiri tomando o sol. A primavera xa está aquí. É tempo de pícnics.

Pero os pícnics normais xa están moi vistos, por que non ir un paso máis alá? Unir pícnics e literatura unha vez máis, pero de forma algo distinta. Esa unión existe desde sempre, seguro que se pechas os ollos e imaxinas un pícnic, a xente está vestida de época e está en Inglaterra. Claro, son personaxes de Virginia Woolf en ‘Cara ao faro’, son xente creada por Jane Austen. Ou son cadros ou filmes, pero o dos pícnics pictóricos ou cinematográficos queda para outro día. O que debería ser tendencia é facer pícnic e falar de libros. Ou, o que é o mesmo, facer que os clubs de lectura volvan a ser cool dándolles o toque primaveral que necesitan.

Despois está o punto para nota, algo que xa fan algúns grupos de bibliotecas inglesas, porque cando sae o sol os ingleses tórnanse brillantes. Que cada pícnic literario sexa á súa vez temático. Que toca discutir ‘Jane Eyre’ -libro que aproveitamos para recomendar, moito fan de Charlotte en Disquecool-? Pois nos vestimos como se fósemos personaxes saídas das súas páxinas e facemos un menú digno da época (pero de cando lle vai ben, non do que comía ela no cole). Todo o mundo terá claro que o que está a acontecer neste parque non é un pícnic calquera. Haberá curiosos, haberá críticos. Pero así é a vida do hipster.

Quen se anima a organizar o primeiro pícnic literario? Ou teremos que ser nós?

Shares

2 comentarios

  • mariña di:

    Unha idea moi vintage… recórdame aos xogos florais e ás excursións da xeración nós e do seminario de estudos galegos. :)

  • Fabian di:

    A min encantaríame facelo. Pero se lle propoño aos meus amigos un plan coma este 1) Mándame directamente ao Hospital Psiquiátrico do Rebullón ou 2) rin na miña cara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *