Os indies tamén choran: 10 videoclips de desamor rancoroso (post-San Valentín)

Xa está, San Valentín xa pasou. Deixamos atrás toda esa sobredose de azucre e corazóns, xa podemos saír á rúa sen que nos lembren que debemos estar namorados. Porque quizais esteas no momento contrario, nun momento de odio e rancor post-ruptura e xa teñas a discografía de Los Planetas demasiado escoitada. Non estás só. Esta é a túa playlist. A orde é totalmente aleatoria.

10. Gotye – Somebody that I used to know. Por que estivo esta canción en todas partes durante tanto tempo? A miña pequena teoría é que é universal. No vídeo o pobre Gotye parece que de verdade está deprimido, e o levantamento de cellas en “you said that we could still be friends” é ben significativo.

9. Keaton Henson – Sweetheart, what have you done to us?. Este vídeo é imprescindible: Keaton Henson é un tipo súper depresivo e tímido, que case non dá concertos porque ten ataques de pánico. Este é o primeiro vídeo no que aparece, unha letra chea de dor e rancor (como moitas súas). Non é quen de rematar o vídeo porque rompe a chorar. Hai que velo en pantalla grande e co volume ben alto. Para os cotillas, sabede que fala de Soko (quen, por certo, ten outro tema chamado Keaton’s Song). E non me chames amante, non é suficiente.

8. Belle & Sebastian – I’m waking up to us. Unha actuación en directo chea de morbo: Stuart Murdoch canta sobre unha ex moza que lle fixo moito dano (necesitas un home que sexa rico ou ao que lle falte un parafuso, di). Esa rapaza é Isobel Campbell, á súa dereita. Pouco despois ela deixou o grupo.

7. Bright Eyes – Take it easy (love nothing). Que sería das cancións de desamor con odio sen a parte de Conor Oberst? Nesta explica como aprendeu a non namorar e como así a súa vida é máis fácil. Agora fago o que quero, minto moito, pode que alguén saia ferido, pero non serei eu. Debería sentirme barato, pero só me sinto libre e un pouco baleiro.

6. Joan Baez – Diamonds and rustDez anos despois da súa relación, Bob Dylan chama no medio da noite a Joan Baez, así sen razón aparente. Ela deixa moi clara a tristeza e a dor que lle provocou no seu momento. Agora dis que non estás nostálxico / Dime outra palabra para isto entón / Sempre fuches moi bo coas palabras / e en manter as cousas pouco definidas.

5. Kate Nash – FoundationsAquí aínda non o deixaron, pero está claro que a relación de Kate Nash co seu mozo deixa moito que desexar: ódianse! Non hai máis que escoitar a letra para sabelo, con momentos moi crueis. Deixareite pola mañá / e deixarei a calefacción sen acender a propósito.

4. Stars – Your Ex-Lover is Dead. Un clásico das cancións de desamor. Neste caso, unha exparella atópase despois dun tempo e fan como que non se coñecen. Foi raro verte outra vez, presentados por un amigo dun amigo / Sorrín e dixen “si, creo que xa nos vimos antes” / e nese momento empezou a chover.

3. Kings of Convenience – Mrs Cold. O pobre Erlend Oye canta sobre a súa relación cunha rapaza que non se quería comprometer ou que era agora si, agora non. Ao final, claro, Erlend fártase e ela empeza a botalo en falta. Eh, nena, señora Fría, actuando tan dura, non sabía que se che podía facer dano / Esperaches demasiado tempo, deberías terme cazado antes de que me puxese o abrigo.

2. Flight of the Conchords – I’m not crying. Un pouco de humor non vén mal, aínda que a situación é ben tráxica e o clásico momento de orgullo. E se estou chorando non é por ti, e por un amigo meu ao que non coñeces que está morrendo, si, morrendo!

1. The Divine Comedy – Our Mutual Friend. Ai, Neil, como facer unha lista sen ti! A historia é tamén bastante tráxica, pero contada con humor. Coñece a unha rapaza, amiga dun amigo. Pasan a noite xuntos e borrachos. Á mañá seguinte, o pobre Neil resacoso vai ao baño e… atopa a traizón!

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *