La Malconttenta: cerámicas ilustradas desde a paz campestre

La Malconttenta

Lydia de la Piñera tivo un deses momentos nos que decidiu parar e preguntarse que camiño debía tomar a súa vida. Levaba un ano deses cheos de actividade e estrés, vivindo en Madrid, estudando un máster en deseño gráfico e comunicación dixital e traballando. Ao terminar tomou varias decisións que acabaron coa creación de La Malconttenta, un proxecto de obxectos de cerámica artesanal coas súas ilustracións. E xa non era Madrid, Lydia volveu á tranquilidade de Ferrol.

“Recoñezo que empecei un pouco desorientada e sen ter un proxecto claro”, cóntanos Lydia por correo electrónico. “Supoño que porque xurdiu de forma involuntaria, só para desconectar e desfrutar, pero pouco a pouco foi tomando un camiño máis profesional”. Cando se decatou de que adicarse “por completo no que a un lle apaixona é atopar a felicidade”, decidiu centrarse máis nas súas ilustracións. A cerámica foi o seguinte paso, algo que lle interesaba desde hai moito “polos seus procesos de elaboración, que son moi manuais, moi artesáns”, ademais de conter ese “elemento nostálxico” tan inspirador.

La Malconttenta

E é que as ilustracións de La Malconttenta teñen sen dúbida ese non sei que de volver á infancia, de paseos por un bosque con lobos bos e contos de fadas. A volta a Ferrol e a un entorno máis rural e natural ten unha presencia constante nas coleccións de La Malconttenta, con personaxes disfrazados de animais en Carnival, unha nena que quere tomar un té nun bosque en In the Forest ou a clásica canción do elefante na tea de araña en Elephant. “Recorro moito a elementos que son en parte moi primitivos”, explica Lydia, “mesturando a natureza, os animais e os humanos”, con historias nostálxicas “que me levan á infancia”.

A decisión de deixar Madrid e volver a Ferrol, lugar onde se criou Lydia, non foi tan complicada como podería parecer. “Iniciar un proxecto así en Madrid para nós era complicado polo custo económico que supón vivir nas cidades. Os lugares pequenos teñen unha calidade de vida envexable“. O único malo é que “o movemento comercial é moito menor”, pero isto non importa tanto na era de Internet. “Adicamos máis tempo á venta online ou venta en tenda física de cidades grandes”.

Ademais de Lydia, en La Malconttenta está tamén Luis Llamas, especializado en escultura e serigrafía manual, unha formación que facilita coñecer máis o mundo da cerámica e “elaborar unhas coleccións que espero que non tarden moito en ver a luz, onde a escultura e o debuxo se reúnen coa cerámica”.

La Malconttenta presentou as súas primeiras coleccións en outubro do ano pasado e de momento a acollida está a ser boa. “A cerámica é un produto que, tal e como o plantexamos nós, ten unha moi boa aceptación e sorprende”, di Lydia, que tamén admite que “a inversión en cerámica e en produtos  aquí é escasa en comparación a outros países”. Aínda que todos sabemos que empeza a ser maior.

Fotos | La Malconttenta

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *