Celebrando as tendas de discos: crowdfunding para traer o Record Store Day a Galicia

record-store-day-galiciaMíranos aos ollos (figuradamente) e di a verdade: cando foi a última vez que estiveches nunha tenda de discos? E cando a última que saíches dela con nova música baixo o brazo? Non, non tes que baixar a cabeza, todos somos un pouco culpables de que estean a desaparecer. Xa pensamos con nostalxia en adolescencias nas que entrábamos na nosa tenda de discos de referencia, repasábamos un por un todos os CDs (ou as casetes!) e gastábamos a nosa paga dun mes en música. As tendas de discos foron relegadas a un recuncho da nosa memoria. Error. Pensamos nelas como se fosen parte do pasado. Error. Queixámosnos da súa desaparición mentres baixamos mp3 e pedimos discos a Amazon. Error.

Non es o único que se decatou de como as tendas de discos estaban desaparecendo. Desde hai cinco anos, celébrase en moitas partes do mundo o Record Store Day, que busca reivindicar a súa presencia e, sobre todo, a nosa presencia, a dos consumidores e fans musicais, nas tendas de discos. Organízanse concertos nos establecementos, algúns selos lanzan edicións especiais con cancións inéditas e versións, e as tendas de discos volven a estar cheas. E este ano o Record Store Day podería celebrarse tamén en Galicia.

“Falando con algunhas tendas durante este último ano, varias se queixaban de que a Galicia non chegaban ningunha de esas edicións limitadas dos seus grupos favoritos que se fan para o Record Store Day“, cóntanos Manuel Suárez, presidente de Desconcierto Cultural e un dos membros da comisión de traballo que está a sacar adiante o Record Store Day Galicia. “A pesares de estar inscritos no Record Store Day oficial americano, a repercusión que estaba a ter ese día por estes lares era moi pouca, e moitas, quizais influídas pola conxuntura económica actual, nin sequera se sentían con ganas de organizar un concerto na tenda e facer de esa data un día especial. Así que pensamos, por que non organizalo nós?”.

E que están a organizar? Un Record Store Day Galicia por todo o alto, que incluirá a edición dun vinilo en 10” con cinco cancións inéditas de cinco bandas galegas. Este EP estará á venda nas cinco tendas de discos que participan no proxecto, cada unha nunha cidade distinta, o Record Store Day. Ese día, ademais, cada unha das tendas contará cun concerto dunha das bandas do EP.

O de que bandas participarán é polo de agora segredo de estado. “En principio iremos desvelando as bandas pouco a pouco e a idea é que cada unha delas represente a cada unha das principais cidades galegas que participan no evento”, conta Manuel. Xa sabedes, a facer cábalas!

Tes xa ganas de que chegue o día (será o 20 de abril, o terceiro sábado do mes)? Antes de pechar a data na túa axenda, ten en conta que a celebración do Record Store Day Galicia depende en parte de ti: o proxecto está a ser financiado a través da plataforma de crowdfunding Verkami e o día só se celebrará se logran o seu obxectivo de 1800 euros. Iso si, nos dous días que leva o proxecto na plataforma, levan recadados xa máis de 600 euros. Coa túa participación, ademais de axudar a que o evento teña lugar, estarás a mercar o vinilo e unha bolsa de tea co logo do Record Store Day Galicia. A edición do disco será de maior calidade cantos máis cartos se recaden.

* Podes participar no financiamento do Record Store Day Galicia na súa páxina en Verkami.

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *