Girls volve: emoticonos, dúbidas… e popularidade

Girls, HBO

A serie revelación da tempada pasada, Girls, volve. E acaba de facelo na noite na que a súa actriz protagonista, Lena Dunham, conseguiu o Globo de Ouro á mellor interpretación televisiva nunha comedia ou musical (e que mala persoa se encargou de vestila? Non só levaba un vestido espantoso, o seu exceso de capas e posiblemente uns zapatos terribles non a deixaban avanzar cara a escena: vede o vídeo) e a serie ao completo ao de mellor serie televisiva de comedia ou musical.

O primeiro capítulo (que os medios estadounidenses xa puideran ver e destripar previamente) recolle a trama alí onde a deixaron no bastante sorprendente episodio final da primeira. (Se non a viches, salta ao seguinte parágrafo) Hannah está coidando a Adam, convalecente do atropelo por parte dun camión, aínda que xa está farta del (horas era!) e atopou un novo interese amoroso. Si, Troy de ‘Community’!, aquí reconvertido en intelectual… e republicano (aínda non o confesou a cámara, pero xa nolo dixeron en todos os resumos previos). Marnie é despedida nos primeiros minutos da galería de arte na que traballa, nun novo golpe deses que lle están a demostrar que a vida non é tan perfecta e ordenada como ela pretende. Non ten traballo, non ten mozo e non ten a Hannah (lembrade que no final da primeira tempada deixaban de vivir xuntas) e está un pouco perdida. Shoshana, que xa conseguiu deixar de ser virxe, non leva moi ben o tempo despois con Ray. E de Jessa pouco sabemos porque está de lúa de mel co seu marido inversor capitalista (efectivamente, Roy Trenneman).

Conseguirá ser igual de fresca e diferente a segunda tempada que a primeira? A serie xa deixou de ser o produto descoñecido (e indie!) que era ao principio. Non só recibir dous Globos de Ouro podería facer pensar que ‘Girls’ deixa de ser minoritaria… HBO, a emisora de cable que a emite, preparou o lanzamento da segunda tempada cunha mega festa en Nova York de preestrea e lanzou tantas promocións asociadas á serie (e que ten pouco que ver coa serie en si mesma) que fixo que ‘Girls’ estivese en demasiadas partes. Obrigará esta sobreexposición a que sexan máis politicamente correctas as súas protagonistas? Na primeira tempada recibiron moitas críticas por non ter a ningún personaxe de cor (e aí está Troy, aínda que Lena Dunham dixo aos medios estadounidenses que non tiña nada que ver co que puideran dicir os críticos, ela quería traballar con Donald Glover e punto).

Durante este primeiro capítulo puidéronse ver moitos dos elementos que fixeron da primeira tempada algo distinto, como as frases brutais (como cando Ray lle bota en cara a Shoshana que que esperaba que fixese cando ela lle mandaba por Whatsapp unha frase feita con emoticonos, “un panda, unha pistola e un agasallo”), os errores amorosos e as relacións complicadas, sen as concesións a facelo todo máis bonito que toman outras series. Se Dunham consegue manter o ritmo ata o final, podería ser un xenio.

Foto | Perfil oficial en Facebook

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *