O sentido dun final ou as imperfeccións da memoria

o-sentido-dun-finalOcorreu realmente o que recordamos? Esa é a interesante pregunta que articula o último libro de Julian Barnes ‘O sentido dun final’ e que nos fai pensar (e repensar) sobre o tema da memoria: por que recordamos o que recordamos? que relación garda o que recordamos co que sucedeu realmente? que ocorre se contrastas o recordado con documentos da época? funciona a memoria simplemente (ou complexamente) como un xeito de dar coherencia a feitos illados?

Para ilustralo, Julian Barnes propón unha historia sinxela. Un grupo de amigos un pouco intelectuais en idade escolar. Un primeiro amor. Unha traizón? Un suicidio.  Pero todo iso se nos presenta desde a óptica do protagonista e narrador, Tony Webster, xa xubilado e sen aspiracións de ningún tipo. É el quen rememora os acontecementos, a raíz dunha inesperada herdanza que ilumina certos aspectos do pasado, xa esquecidos, dándolles un sentido completamente diferente ao que a súa memoria construíra.

O libro organiza esta historia en dúas partes. Na primeira, fresca e aguda, atopamos ao Barnes que máis nos gusta (a saber, o de ‘Amor, etc’ ou ‘Historia do mundo en dez capítulos e medio’), contándonos divertidas anécdotas de colexiais, desde a ironía da distancia. Non sabemos ben porque se non está a contar o que se nos está a contar, pero apenas importa.  Na segunda parte, atopamos ao Barnes das últimas novelas, máis discursivamente reflexivo, máis obvio, se queredes, e acudindo ao tema da vellez sen descanso. A segunda parte é imprescindible para dar sentido á primeira, pois é a posta en cuestión de todo o que leramos ata entón, das lagoas da memoria que cubre a fantasía, pero creo que Barnes podería facelo aínda mellor.

‘O sentido dun final’ é un libro interesante sen dúbida algunha. Pola temática, desde logo, pero tamén pola maneira de artellar a información e polo ton lúcido pero so o xusto, do protagonista. Pouco importa que algúns dos acontecementos parezan collidos polos pelos (non é así na vida?) ou que haxa certa confusión, a historia engancha como poucas e todos desexamos saber que pasou realmente e, sobre todo, que significa iso. Imposible non lelo dun tirón.

‘O sentido dun final’ está editado en galego por Rinoceronte Editora.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *