Doce, alta pastelería en Compostela

doce2

Non está moi lonxe da estación de tren de Santiago de Compostela e é a chave para acceder a unha chea de cousas distintas que tomar de sobremesa, de merenda ou simplemente para darse un ben merecido capricho. Doce é unha pastelería que non se asemella en nada ao que os composteláns estamos acostumados a tomar como pastel (nada deses biscoitos pesados, desas tortas que fartan a calquera ou dos tradicionais pasteis de toda a vida) e que se asemella moito a algunhas das propostas que tan boa aceptación teñen noutras cidades. Levan abertos ao final de San Pedro de Mezonzo dende setembro de 2011 e, dende hai uns meses, están tamén nun posto da Praza de Abastos (unha praza que cada día ten máis cousas atractivas). Posiblemente dentro duns meses estean situados nun lugar máis céntrico da zona nova, pero polo de agora a excursión ata o final de San Pedro de Mezonzo (están case tocando coa Avenida de Lugo) paga a pena.

Os mostradores están repletos de apetitosos doces. Cando abriron querían, como nos explica os seu responsable, Miguel Gil, “facer algo diferente” e os nomes dos produtos demostran que están cumprindo. Hai bombóns ou trufados de Albariño, bombóns de queimada ou xeados de mazá asada, só por poñer algúns exemplos, e tortas de aspecto lixeiro e cremoso, cunha base que as achega máis á marabillosa repostería francesa que ás tortas de biscoito de toda a vida. As presentacións dos produtos son distintas e a súa materia prima tamén. Doce aposta polo “produto galego, cousas que ninguén facía”, e o Albariño, a queimada ou o licor café son agora aproveitados como base para doces e postres. “Facemos sabores que se podan saír do habitual”, explica Gil, que se formou como reposteiro en Cataluña (de aí o toque galo da súa repostería e que tiña unha completa traxectoria como xefe de pastelería antes de embarcarse en Doce).

Doce Santiago de Compostela

“Modernizamos un pouco a pastelería en Santiago”, dinos. As súas propostas vanse renovando cos cambios de tempada, para introducir os produtos de época e para adaptarse ás necesidades que o tempo impón (en verán, por exemplo, teñen cousas máis lixeiras). Mantense, iso si, a torta de tres chocolates, que é xa un clásico do local. Este Nadal, por exemplo, incorporaron os bombóns de Olei, feitos en colaboración coa marca de aceite galego, e que, segundo nos explica Gil, “están a gustar moito; non esperas o seu sabor”. Ao que xa se foi incorporando á venta, sempre se poderán sumar cousas novas no futuro porque Gil é dos que aposta pola formación continua e por estar sempre descubrindo cousas novas. “Tentamos saír fóra e seguir aprendendo”, apunta, “coñecer a outros compañeiros de profesión e seguir avanzando.

Todas estas propostas son feitas na pastelería, nun obradoiro na parte posterior que calquera pode ver dende a tenda grazas a unha inmensa cristaleira. “Unhas das cousas que queriamos era que se vira como se fan”, indica Gil. Ademais dos produtos en exposición, pódense encargar outros á medida e á gusto do consumidor. Por exemplo, coas monas de Pascua, é posible traer a sorpresa que máis guste para o agasallado ou personalizar os sabores e a decoración.

E se non sempre queda aprender como facelo. Cada trimestre, Doce lanza cursos para amateurs de postres. Polo de agora xa se ensinou a traballar o chocolate ou a facer muffins. Calquera pode apuntarse.

Doce está en San Pedro de Mezonzo, 46, na zona nova de Santiago e na praza de Abastos, para os fans da zona vella. Para aqueles que non viven en Compostela, sempre queda a venta online: tamén teñen tenda electrónica

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *