Producción Efímera: unha galería de fotos flotante e anónima

Producción Efímera

Producción Efímera

Canto inflúe o prestixio do autor á hora de valorar unha obra de arte? Entre reflexións do tipo: “iso poderíao facer o meu sobriño de 6 anos, pero como non se chama X…” e “se ese autor ten o nome que ten é porque a súa obra é obxectivamente brillante” caben miles de preguntas. Se Bourdieu afirmaba que a sensibilidade artística era pouco máis que unha snob marca de clase, sería interesante ver se seriamos quen de elixir a obra mestra, sen referente algún, entre un montón de propostas.

Producción efímera é tan interesante porque permite indagar nesa pregunta. Non tanto para descubrir se o que gozamos é o que os expertos recomendan, como para dar a oportunidade, a aqueles que aínda non teñen un nome, a competir en igualdade de condicións. Porque o que propón Producción Efímera é unha galería de fotos onde todas teñen o mesmo tamaño, o mesmo prezo (50 euros) e un só sabe o nome do fotografo unha vez que merca a foto.

Nesta breve galería, que terá lugar en Ferrol entre o 3 e o 5 de xaneiro, participan 66 fotógrafos, algúns xa consagrados e outros novas promesas. A idea xurdiu de súpeto, como explica Carolina Martínez, unha das organizadoras do evento: “Tiven a idea de facer un mercado de arte e comenteillo aos compañeiros de Fotoforum Lumen. Despois de darlle unha volta, xurdiu a idea de facer unha galería de Nadal en vez de un mercado á usanza, e a raíz diso unha das nosas compañeiras aportou a idea do anonimato. A min pareceume xenial xa que supuña unha democratización da arte e a liberdade de elección dos compradores que elixirían sen condicionantes do tipo “marcas” e “prestixios”. Nunca tiveramos participado en nada así, pero eu tiña moitas ganas de darlle frescura a unha cidade tan decadente e afundida como Ferrol e o pulo necesario está nunha acción artística atractiva para ó público”.

Aínda que as fotos só se poderán mercar durante tres días, o espazo expositivo leva días preparándose. Desde o 22 de decembro, cando se comezaron a colgar as primeiras fotografías, ata o 5 de xaneiro, a sala estará en permanente construción, como eles mesmos explican “Cada vez que pasedes por diante veredes que o espazo cambiou, incluso de noite estará iluminado, e non será ata o último día cando a deconstrución baleire de novo o espazo. Así, cada día aparece algo novo, dando a idea de que algo está a xerminar dentro”.

Podedes visitar esta galería anónima e flotante desde mañá pola tarde ata o venres pola noite na rúa Igrexa 14, baixo, en Ferrol. Ideal para facervos cun regalo de Reis único!

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *