Este sábado tes unha cita: Off Culturgal 99% Creatividade

Comeza a conta atrás para a celebración do Off Culturgal: 99% Creatividade do que tanto temos falado. A cita será este sábado 1 de decembro ás 17.00 horas no marco da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra. No Garaxe da casa da cultura galega teredes a oportunidade de coñecer innovadoras e estimulantes iniciativas en eidos como a arte, a moda, a música, a tecnoloxía, a artesanía, o paisaxismo e a cosmética ou o audiovisual.

Contaremos cunha persoa moi especial para conducir este encontro, a xornalista Belén Regueira, a quen de seguro coñecerás por teren presentado o programa de entrevistas e música Chambo (TVG), o magacine da fin de semana Extrarradio (Radio Galega) ou o faladoiro infantil O país dos ananos (TVG). Na actualidade forma parte do equipo do programa Galicia por diante (Radio Galega).

Un total de 9 iniciativas serán presentadas durante 9 minutos (6 minutos de intervención e 3 minutos de preguntas do público). Nesta segunda edición do Off Culturgal terás a oportunidade de coñecer interesantes iniciativas e compartir reflexións e ideas con persoas creativas.

Nesta dinámica e participativa sesión poderás:

– Coñecer de que xeito a Plataforma Proxecto Cárcere pretende facer da antiga prisión provincial da Coruña un espazo de convivencia libre para uso da cidadanía.

– Descubrir a cosmética DIY e as microhortas da man de Microprojets & Co.

– Reflexionar sobre arte, tecnoloxía e innovación no medio rural grazas a Lab Rural, o laboratorio de experimentación e intercambio de información e contidos no que se potencian a cultura libre e a innovación tecnolóxica como ferramentas para o desenvolvemento rural, que será presentado por Francisco Porto.

– Sentirte como Marujita Alegre, personaxe ideada por María Baqueiro para vestir e comunicar as súas confeccións.

– Vivir, sentir e soñar a Música no Claustro, un festival de música como arte interdisciplinar e social.

VideodinamizARTE cun proxecto pioneiro que conecta a psicoloxía e o audiovisual para elaborar un produto cultural.

– Inspirarte co proxecto Creatividade á rúa!, que aborda o uso artístico dos espazos comúns como algo propio onde desenvolverse e empoderarse.

– Aproximarte a novos medios para re(descubrir) a riqueza natural e cultural do territorio co documental interactivo Mapa Emocional de Ancares-Courel.

– Berrar Mimadriña! ante as creacións en papel de Palmira Castro e os seus pequenos axudantes

Cando?: Sábado, 1 de decembro, 17.00 horas

Onde?: Culturgal. Espazo Garaxe
              Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n)

DISQUECOOL EN CULTURGAL
Como sabes Disquecool terá ademais presenza en Culturgal, que se celebrará do 30 ao 2 de decembro en Pontevedra, cun stand que se situará no Garaxe. Queremos esquecernos da chuvia e o frío, e aproveitar o acubillo do Pazo da Cultura para recuperar o espírito primaveral cun ambiente campestre e de pícnic no que non faltarán o céspede, e por suposto a cesta e o mantel.

Se te achegas ao noso stand poderás protagonizar a portada de Disquecool no noso photocall e aínda por riba optar a interesantes premios. Así, todas as fotos serán publicadas nun álbum no noso perfil en Facebook, e entre todos aqueles que vos etiquetedes sortearemos dúas estanterías de Oitenta.

Esta non será a única posibilidade de facerse cun agasallo. Durante os tres días de feira organizaremos unha serie de probas e xogos que permitirán aos asistentes facerse coas nosas bolsas e chapas. Permanece atento/a ás nosas redes sociais porque no transcurso de Culturgal iremos lanzando alertas. O primeiro dos asistentes que veña ao stand trala publicación e faga check in en Foursquare levará unha disquebolsa. Ademais, tamén vos retaremos a participar en buscas do tesouro.

Se non consegues facerte coa disquebolsa deste xeito, non desesperes! Terás a oportunidade de adquirir no noso stand as nosas bolsas e chapas.

Vémonos en Culturgal?

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *