EyeEm, a app que quere matar a Instagram

EyeEmEstás a piques de facelo, pero non te atreves. Queres coller o teu smartphone e desinstalar Instagram, nun paso que sentes que é case tan extremo como o desas persoas que se borran de Facebook. Pero Instagram segue no teu teléfono e, o que é peor, ti continúas tirando fotos coa app. Porque non es deses que queren acabar cos filtros na súa vida, simplemente estás un pouco cansado da omnipresencia de Instagram e de ser un máis. Ti, que sempre fuches un paso por diante. Temos a solución: cambiar Instagram por EyeEm. Non te arrepentirás.

“EyeEm?”, preguntas cos ollos moi abertos mentres os teus dedos xa están abrindo a tenda de apps do teu teléfono. “Que é EyeEm?”. EyeEm é unha app gratuíta que ten todo o que ten Instagram. Non botarás en falta os filtros, nin os marcos, nin compartir en redes sociais. Pero ademais van un paso máis alá: queren ser una app máis para o descubrimento, para a creación de novos contactos, que para a simple recreación persoal de ensinar as túas fotos vintage ao teu círculo de amigos. EyeEm é unha app expansiva. Pero vaiamos por partes.

O primeiro que namora de EyeEm é a súa interface. Ao igual que pasaba con Path, hai pequenos momentos de felicidade estética só con navegar polas distintas opcións ou seguir o proceso de tirar unha foto, engadirlle filtros e subila a redes sociais. Neste camiño hai unha cousa que chama a atención, e é precisamente un dos elementos que diferencia a EyeEm de Instagram: o sistema de etiquetado. En Instagram etiquetas se queres vía hashtag. Aquí o etiquetado é semiautomático: baseándose na imaxe, na túa localización e na hora do día EyeEm propón etiqueta de actividade e lugar. Se non coincide podes buscar outra ou engadir unha que aínda ninguén teña utilizado.

E, coa foto etiquetada, toca facerlle caso a unha das pestanas da app, a que di “discover”. Desde EyeEm aseguran que cantas máis imaxes subas á rede, máis interesante será esta opción. Fronte ao clásico feed de fotos dos teus contactos, desa xente á que normalmente xa coñeces, aquí ofrecen un feed de fotos baseadas nas túas etiquetas e localizacións. A idea? Descubrir -e formar -pequenas comunidades arredor de intereses e lugares. Ningún dos teus amigos colecciona selos, pero a través da pestana “discover” ves que hai máis xente a subir fotos filatélicas. E viven na túa cidade! Isto é como cando de adolescente coñeces a alguén que tamén escoita a Ocean Colour Scene (ou o grupo polo que matarías naquela época).

Despois está o pequeno pracer do early-adopter. Eu descarguei a app hai uns días e tan só dous dos meus amigos de Facebook estaban nela e ningún de Twitter (todos eses gurús do social media viven á marxe de EyeEm!). Chegarán, sei que non tardarán en aparecer, pero queda sempre o orgullo de ter sido un dos primeiros. E non é como Instagram, que os usuarios de plataformas distintas a iOS quedamos fóra moito tempo. EyeEm está xa para iOS, Android e Windows Phone. E ten versión web, algo que en Instagram aínda está moi a medias (e só desde hai uns días).

Instagram é tan 2011… nós xa imos polo 2013. EyeEm ten xa un millón de usuarios e ademais chega desde unha das cidades máis cool do mundo, Berlín. Todos a probala!

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *