FAC: un furancho no que consumir excedente artístico

Podería ser unha casa calquera do rural galego. Coa súa parte de vivenda, co seu galpón e o seu galiñeiro, e por que non dicilo, cun chisco de feísmo, con esa filosofía tan nosa de ir facendo engadidos pouco a pouco con materiais que imos atopando. Pero xa desde fóra apreciamos que esta vivenda da parroquia compostelá de A Peregrina ten algo especial. A primeira pista é o portal de acceso ao galpón, ilustrado cunha reprodución algo kitsch dunha típica foto de voda das de antes, dos tempos dos noso avós. A intervención artística agocha moitas historias. O flamante noivo é o propietario da finca e tamén o avó de Olmo, un dos responsables da nova vida deste espazo como FAC Peregrina, un furancho que no canto de dar saída ao excedente de viño achéganos a cultura emerxente que agarda nos estudos e obradoiros para ser exhibida, a que non atoparemos nos circuítos comerciais e institucionais da arte.

Xunto ao artista Olmo Blanco, impulsan este innovador proxecto a crítica cultural Ania González e o tamén artista Diego Vites. No galpón, que o avó de Olmo utilizaba para unha das súas afeccións, arranxar coches, vai calando o frío outonal. Quizais para conservar esa filosofía social dos furanchos, os responsables do FAC (Furancho Artístico Contemporáneo), ofrécennos algo de beber, e sobre uns bancos construídos con materiais reciclados por eles mesmos nunha das súas primeiras intervencións cóntannos o por que dun proxecto así. “Iniciou un pouco por cuestións vitais. Viñemos a vivir aquí, e ao contar con este espazo xurdiu a idea dun lugar intermedio entre o institucional e o privado, onde se puidese traballar dunha maneira un pouco máis libre”, explica Ania. A iniciativa valeuse do concepto do furancho, o lugar no que dá saída ao excedente de producións vinícola, para exhibir “un excedente cultural ao que non se estaba prestando atención e ao que había que darlle visibilidade”. “Esa cuestión de excedente vén dada tamén por unha cuestión como de certo colapso do mundo profesional da arte e da cultura en Galicia, que é moi pequeno, porque Galicia é pequena, e con moi pouca mobilidade, polo que pensamos que había que dar saída a todo ese excedente”, engade Ania.

O 23 de marzo deste ano o furancho artístico comezou a súa actividade con FAC Off, unha proposta do equipo do FAC que segundo explica Diego Vites consistiu na presentación da propia obra. Ademais do galpón, o FAC conta con outros espazos expositivos, como un antigo galiñeiro e o remolque dun camión, que sorprendentemente atoparon na parte de atrás da casa. Esta nova vida da casa e demais anexos tamén a celebraron desatascando as tuberías do espazo no vídeo FAC na merda. Despois viñeron a mostra do artista visual Mauro Trastoy, a presentación da revista de arte contemporánea Plétora, ou a exposición ‘Como medir un planeta’, de Joan Morera, Eduardo Outeiro e Miguel Prado. O Furancho Artístico Contemporáneo desenvolve distintas modalidades, como o Laboratorio de Son FAC, as FAC Producións, mostras do propio equipo do furancho artístico, FAC Express, montaxes de curta duración que atenden de xeito espontáneo as posibles urxencias espaciais ou de presentación doutros proxectos artísticos ou de investigación, e FAC Convidados, exposicións de artistas e colectivos por convite do equipo FAC.

No outono, a protagonista é a fotografía. Tea Artist é un proxecto comisariado por Violeta Janeiro que, da man do fotógrafo Xepo W.S. trata de dar a coñecer aos protagonistas da escena contemporánea en Shanghai e reflexionar sobre a situación que vive a arte nunha megalópole que está a crecer economicamente e a experimentar cambios sociais nun curto espazo de tempo. A través de entrevistas e fotografías a doce artistas de xeracións, ámbitos e niveis de éxito diferentes o traballo persigue desmontar algúns falsos mitos e abrir unha fiestra á arte contemporánea chinesa a través dos seus artistas.

Sen ningún artificio e con luz natural as fotografías de Xepo mostran aos artistas coa súa obra, e tamén detalles dos seus estudos, permitíndonos curiosear nos seus espazos de creación. A través do artista establecido, do emerxente, do estranxeiro ou do best seller achegámonos a unha escena da que pouco coñecemos e que nos sorprende pola súa diversidade, nun contexto moi condicionado polo sistema político e influenciado por unha aparente apertura ao mundo exterior.

Hoxe venres é o terceiro e último dia no que a exposición estará aberta, porque outro dos obxectivos do FAC é “a mobilidade”. Así, as mostras FAC Convidados adoitan durar dous ou tres venres e o FAC express un só venres. E é que este furancho artístico tamén é peculiar nos seus horarios: só abre os venres, das 5 da tarde en diante. E tamén vai por tempadas. Pecharon e agosto, e volven das vacacións cunha tempada máis curta, que aguantará ata que os corpos dos espectadores aturen o frío. Despois, a actividade reanudarase coa terceira tempada en primavera.

Fotografías | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *