O disco da semana: Soft Fall, de Sun Airway

O segundo disco do dúo de Philadelphia Sur Airway resulta ser o Disco da Semana para Disquecool. E resulta selo a pesar de competir con rivais de maior poder mediático (hoxe lanza xente como Beth Orton, John Cale, ou o terrible -outra vez- disco de Muse, e mesmo deixamos pendente o algo decepcionante segundo disco de Mumford and Sons). E se se impuxeron nesta particular e anecdótica batalla foi polo precioso contido de ‘Soft Fall’ (Dead Ocean Records, 2012), principalmente, non vos enganarei, da súa primeira metade, antes de que o son de Sun Airway se animalcollectivice en demasía, e sature algo cara os temas centrais.

Partimos, hai dous anos, de ‘Nocturne of Exploded Crystal Chandelier’, o disco de debut do grupo, que contou con maiores louvanzas entre a crítica do que éxito entre o público. Deuse por cuberta a cota desa neo-psicodelia cos propios Animal Collective, e deixouse de lado oco algún en portada para toda aquela banda que non fose a dos neoiorquinos… mesmo aínda que molase máis. ‘Soft Ball’ mantén o alto nivel exhibido, e en directos, agora si, amósao ante público abundante, aínda que sexa como resultado de seren entrantes de M83 en parte da súa xira americana.

Garda poucos ases na manga Sun Airway. De seguido comeza Close, o tema máis bailable dun disco de clara vocación electrónica, pero en vertentes máis sosegadas. Porén, este tema, que case abre o disco, inunda e contaxia. Pura enerxía. Contáxiaa aos seguintes temas, entre os que destaca New Movements, menos activo que o exemplo previo, pero un actor de reparto fantasticamente apañado. O disco vén repartido en tres actos, cumpridamente presentados por Activity (ben 1, 2 ou 3), de contido exclusivamente melódico, a xeito de aperitivo.

Tras un período a medio minutaxe que corre perigo de renderse nos brazos de Morfeo, o tema que dá nome ao disco volve erguernos a cabeza e o espírito, e sen decaer en Black Noise, é máis, premendo o acelerador, a unhas alturas nas que o activo está xa sobradamente amortizado, pero que garda o último agasallo de Over my Head, o tema con máis arranxos, e, por dicilo así, máis orquestrado dun ‘Soft Fall’ que confirma que Sun Airway comezan a facer méritos reais para ser tidos máis en conta. Escoitaremos falar máis deles do futuro, seguro.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *