MySpace… volve?

Esta é a historia dun nacemento, un ascenso e unha caída: unha desas que Hollywood pode converter nunha gran película de superación… ou non. Todo depende de como lles quede o último movemento, o golpe que pode ser xenial ou sinxelamente fatal. Volve MySpace, a que foi o primeiro must do mundo das redes sociais. Ata que chegou Facebook, cambiou a idea do que era privado e o que non – paradóxico, damos fe- e MySpace acabou no limbo do fracaso, polo momento nese espazo nebuloso dos que poden volver, como se fose un Terra, pero rozando a debacle final, como un Lycos ou un Pets.com (o meu exemplo favorito das vítimas da burbulla puntocom) calquera.

MySpace nunca chegou realmente a marcharse. Só pasou de moda e quedou como un resto na gran mancha de lixo do Pacífico Sur que debe ter nalgún lugar internet. A historia da rede social comeza en 2003, cando foi creada por uns empregados dunha firma de internet que probaran Friendster, o avó de Facebook. Estiveron cambiando e movendo cousas ata que en 2005 deu o bombazo. MySpace era super cool, chachi, unha marabilla. Os usuarios crecían ás mans cheas, os músicos descubrían que non ían ser ninguén se non estaban en MySpace e os seus fundadores eran de pronto os rapaces de ouro da rede. E no momento inicial do boom venderon por 580 millóns de dólares (millóns de 2005) a rede social a News Corp, o xigante de medios de Rupert Murdoch. Murdoch fixérao moi ben cos medios (entendamos por ben facerse rico) pero internet non se lle daba con tan boas mañas. MySpace empezou pouco despois unha caída ao abismo. Xa non molaba, xa non era super cool, xa non era chachi. Facebook era a estrela emerxente en social media e eles semellaban un enfermo de peste negra da Europa medieval.

Que lle faltaba a MySpace? Adaptarse aos novos tempos. Facebook chegou cun achegamento innovador. Eles apostaban por pechar as comunicacións, metelas nun taboleiro pechado que ti controlabas quen vía, mentres MySpace era aberto. E o produto non cambiou, non ofreceu nada novo. Todo iso no mundo da rede é pasaporte para o outro barrio.  MySpace era un lastre e News Corp quería desfacerse dela. Quixo vendela por 100 millóns de dólares, pero ninguén a quixo, e ao final tivo que conformarse con 35 millóns dunha compañía descoñecida, Specific Media, cun socio poderoso, Justin Timberlake. Si, ese Justin Timberlake. Como moitos outros famosos dos EUA (Ashton Kutchner é inversor de capital risco e Jessica Alba está lanzada no mundo do comercio electrónico; e son só dous exemplos), Timberlake inverte en novas tecnoloxías. E nesas inversións – xusto despois de facer de primeiro presidente executivo de Facebook no cine!!- está a de MySpace.

Timberlake e os outros compradores prometeron darlle o lustre perdido á rede social, facer de MySpace o lugar ao que todos desexaríamos volver (incluso os que como eu nunca tivemos perfil en MySpace). Todo iso dixérono hai un ano e, aínda que algunhas métricas daban esperanza á rede, nada se vía dese cambio de look. Ata agora. A principios de verán os novos directivos de MySpace explicaban a Forbes que ían facer un lugar no que os músicos se puidesen atopar coa súa comunidade de fans ofrecéndolles algo máis do que xa tiñan noutras redes sociais. Música, vídeos, fotos, integración con outras redes sociais… Todo iso era o que se podería atopar no novo MySpace. Teñen 42 millóns de cancións xa e ían sacarlle partido. O novo aspecto e identidade de MySpace estaba entón en beta para os seus empregados.

Agora segue a estar en beta pero os demais tivemos un adianto, grazas a un enderezo web que chegou dalgunha maneira á prensa especializada estadounidense. “Traballamos duro para facer o novo MySpace, partindo completamente de cero”, explican nesa web, na que podes xa pedir unha invitación para a nova rede. “Pero imos seguir fieis ás nosas raíces nunha cousa importante, a de animar á xente a expresarse como queiran”. Fotógrafos, músicos, deseñadores, cineastas ou “só un fan entregado” poderán formar parte da aventura.

Un vídeo de pouco máis de dous minutos deixa descubrir como vai ser. Os seus propios trending topics, música (listas de reprodución é o que vemos, non?), radio online, eventos, fotos, vídeos, actualizacións de estado (por suposto!) … O novo MySpace aposta polos contidos e por compartilos cos amigos. Tamén hai cousas que poden ser moi populares, como a posibilidade de ver datos estadísticos (e o top fan!, viva o ego-2.0). Todo cun acabado bastante estiloso: o novo MySpace quere esquecer o acabado feo e ser definitivamente cool. Son tan cool que o vídeo de presentación… está en Vimeo.

O acabado é un pouco Pinterest, un pouco ese algo que teñen todas as redes sociais, un pouco look Windows 8 (que aínda non chegou ao mercado pero que xa está a ocupar un pouco todas partes coa súa suposta revolución en deseño). Todo moi visual, todo moi grande, todo moi fluído (xa sabedes, nada de cambiar de páxina, todo se carga ata o infinito).

Será suficiente para resucitar a MySpace? Poderá o acabado bonito acabar coa maldición da estrela estrelada?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *