Basia Bulat: “Todas as linguas teñen cancións que deben ser escoitadas”

Basia Bulat

Antes de saír da casa, actualicei o meu estado en Facebook, indicando feliz que ía entrevistar a Basia Bulat. Un amigo comentou que Basia Bulat era amor, e eu contestei que a ver se era certo e non era en realidade unha diva. “É certo”, asegurou o meu amigo. “A última vez que a vin, se chego a forzar un pouco invítame a cear á súa casa en Noiteboa”. Despois están as historias de todo o tempo que pasa firmando discos e falando cos fans ao rematar os concertos. E despois está o seu sorriso permanente e as súas gargalladas. Non vola perdades esta semana en Ourense (xoves), Vigo (sábado) ou Madrid (mércores). Ela soa con mil instrumentos.

– Ía empezar preguntando polo concerto de onte no Festival da Luz de Boimorto, pero…

Pero cancelaron por choiva! Púxenme tan triste, tiña moitas ganas de ver a algúns dos grupos que tocaban.

– Chegaches a ir a Boimorto?

Estábamos de camiño na estrada cando chamaron para dicir que cancelaran, estábamos xa case aí, pero tivemos que dar a volta e volver a Vigo.

– E os concertos que tes esta semana como van a ser? Por que debería ir a xente a verte?

Non sei por que ninguén debería verme, non quero empurrar a ninguén a facer algo que non quere! Creo que pode ser interesante porque normalmente toco con banda pero para estes concertos tiven que vir soa. Pero trouxen moitos instrumentos! Non sei, igual queda algo raro ou divertido, verme tocar tantas cousas… Será como un bolso cheo de trucos de maxia! Teño dúas cítaras, un triángulo, o piano, a guitarra,… Ademais teño ganas de probar as cancións novas a ver que tal.

– Xa as tes tocado en directo?

Algunhas si, pero outras nunca! Vai ser interesante…

– E é certo que non levas setlist?

É máis ou menos certo, é unha pequena esaxeración. Moitas veces cando toco eu soa non necesito setlist, vai a depender do tipo de público, que lles gusta… O que me encanta de tocar en directo é conectar co público, así que moitas cousas dependen de se toco nun bar no que todo o mundo está a beber, ou é un auditorio pero de súpeto todo o mundo empeza a beber… Ás veces está ben ser formal, e por suposto hai que dar un bo concerto, pero sinto que teño a suficiente práctica e experiencia e non necesito mirar un anaco de papel para saber cal é o meu próximo paso. Pero se vou con banda, por suposto, sempre con setlist, non vou a sorprendelos así de súpeto!

É simplemente cuestión de ir coñecendo un pouco ao público e meterse no espírito do que significa tocar en directo. Un dos meus momentos preferidos cando estou nun concerto é cando a banda se desvía do planeado no setlist porque alguén pide unha canción. Sempre teño un plan, escribo máis ou menos un setlist, pero sempre me acabo desviando del.

– Falabas antes de que vas a sacar moitos instrumentos, cantos sabes tocar?

Depende do que entendas por “tocar” (risas). Algo como o charango, por exemplo. Escribo e toco cancións con el, pero non o fago da forma tradicional, fan falta anos de estudo. Eu estou aprendendo a modiño esa tradición, cun amigo que me está a ensinar e un libro enorme chamado “Método de charango”. Síntome máis segura, por exemplo, co piano ou coa guitarra ou coa cítara. E tamén toco o contrabaixo, que aprendín no instituto, ou o saxo, pero non os toco nos concertos porque claro, prefiro cantar! Non sei, sendo pretensiosa e dicindo que “son unha artista”, diría que simplemente sempre estou intentando aprender todo o que poida, se podo. Non vou a finxir que sei tocar o violín! Pero, por exemplo, ao tocar a guitarra, si que hai moitos instrumentos de corda como o banxo ou a mandolina que podo aprender a tocar rápido, non de forma maxistral, pero si teño a facilidade.

– Entón estás sempre aprendendo novos instrumentos…

Si! Agora mesmo estou moi interesada nos órganos. O órgano é un instrumento moi diferente ao piano, pero sinto que como sei tocar o piano dalgunha forma podo transferilo ao órgano.

– E como empezaches con todos eses instrumentos? Eras moi nova, non?

A miña nai era música e profesora de música. Sempre pensei que a miña lembranza máis antiga era unha clase de piano, pero en realidade era un señor que estaba probando cales eran as miñas aptitudes musicais, e vendo se era quen de prestar atención o tempo suficiente como para estar aguantar unha clase completa. Tiña tres anos!

– E o señor dixo “si”…

Si. Ao principio era todo moi clásico, pero ao facerme máis vella empecei a rexeitar un pouco todo ese mundo, cando xa estaba case no instituto non me sentía cómoda nese tipo de estrutura. Agora arrepíntome un pouco, pero creo que dalgunha forma tamén foi algo bo porque foi así como empezou a miña adicción aos instrumentos.

– E que escoitabas nesa época?

Á miña nai gustábanlle moito os “golden oldies”, a música pop clásica dos 50 e dos 60 e un pouco dos 70, así que iso foi o que escoitei mentres crecía. Despois descubrín iso de “oh, vaia, hai música máis alá do ano 75”. Pero de pequena escoitaba sobre todo os girl-groups dos 60, a Stax, a Motown, e moitos cantantes de folk como Leonard Cohen, Joni Mitchell, Bob Dylan… Son influencias moi fortes na miña música, non podo escapar a anos e anos de escoitalos a todas horas. O que en realidade é bastante cool!

– Si, podes sentirte orgullosa do que escoitabas de pequena!

Podería ter sido moito peor! E tamén moita música clásica, porque era o mundo da miña nai… ela foi quen me guiou un pouco, os clásicos do folk e a música clásica en xeral.

– E tocaches para Leonard Cohen hai pouco, non?

Si! Era un concerto tributo para el, gañara o Premio Glenn Gould. Doou os cartos a unha escola de música. Eu estaba moi nerviosa por tocar unha canción súa diante del!

– Que tocaches?

If It Be Your Will, co charango. Creo que lle gustou… aínda estaba un pouco nerviosa, non teño claro que dixo, pero creo que lle gustou. Foi unha experiencia moi rara, sempre fun moi moi fan del, sempre será unha inspiración.

– Continuemos co tema “ídolos”… es tamén moi fan de Odetta e tamén puideches coñecela, non?

Si, foi no último concerto que tocou en Toronto e foi incrible! Que concerto! Foi tan especial vela e escoitala tocar, sentinme como transportada a outro mundo. E coñecela e poder dicirlle o que o seu traballo significaba para min foi de verdade incrible. Está moi ben, ultimamente pregúntanme moito por ela, faime moi feliz saber que a xente, que o mundo coñece o seu traballo e que lle gusta. Creo que vai ser desas artistas que quedan para sempre.

– As túas letras sempre me parecen como se tivesen sido escritas hai moitas décadas…

– Oh-oh.

– No bo sentido!

(Risas) Nunca sei de onde veñen. Si que intento escribir da forma máis específica posible sen ser demasiado específica, de forma que as letras poidan ter máis dun significado. Ás veces si que é obvio de onde veñen, claro. Por exemplo no último disco estiven moito tempo en Yukon e quedei moi fascinada e empapada con moitas das historias, xa fosen mitolóxicas ou verdadeiras, así que supoño que nese caso si que intentei ir a por algo que reflectise ese sentimento. Non sei se tiven éxito ou non…

– Eu creo que si, moitas son como contos antigos… e seguindo coa literatura, que les?

Leo moita ficción, hai pouco lin ‘La nave de los locos’, de Cristina Peri Rossi, por exemplo. Os meus favoritos cambian moito. Antes gustábanme moito os escritores ingleses, pero ultimamente estou máis nunha fase de escritores americanos dos anos 20, que creo que son dalgunha forma estraña contemporáneos cos tempos que vivimos. A xente parece moi interesada en xente como Fitzgerald ou Hemingway. Outro libro que me gustou moito recentemente foi ‘I’m Dying Laughing’, de Christina Stead. Sempre estou lendo, agora quero coller un par de libros en castelán e practicar, que o necesito.

– Como aprendiches castelán? [fala moi ben!]

Pois na universidade, onde estudaba idiomas e literatura. Sempre me interesaron moito as palabras. No instituto estudei francés, pero na universidade decidín estudar castelán e por algunha razón collinlle o truco moi rápido. Non sei se pola súa historia de escritores e músicos, pero dalgunha forma a lingua conectou comigo moi rápido. É difícil de explicar, é como intentar saber por que dúas persoas son amigas. Hai algo dentro de min que fai que sempre queira aprender máis, sei que é raro: unha rapaza canadense, de orixe polaca, que fala castelán! O mundo é un lugar moi estraño, faime moi feliz ter atopado un lugar que dalgunha forma encaixa comigo.

– E falas tamén polaco?

Si, aínda que é moi difícil e o meu polaco é moi malo, teño moitos problemas de gramática, pero pouco a pouco. De feito estou intentando facer un disco en polaco! Estou traballando nel moi a modiño, pero penso facelo! Quizais para 2013. Encántame cantar en polaco, encántame cantar en francés, encántame cantar en castelán…

– Como cambiar de instrumento.

Exacto! E como música de folk, se podo chamarme así, ten sentido. A tradición do folk é sobre cancións, e todas as linguas teñen cancións que deben ser escoitadas. E o bonito da música é que non ten que estar na túa lingua nai, dalgunha forma todo se traslada. A música sempre se traduce, aínda que a lingua non o faga.

E estás a preparar tamén un disco novo, non? (Ademais do polaco…)

(Risas) O polaco de feito vai ser bastante bailable! Non bailable-chungo, senón bailable-cool. Pero si, o novo está case acabado. Vai ser algo diferente: con moitos sons de órgano, moitas voces, quizais algo máis animado, con algo máis de rock’n’roll… Non quería repetirme, pero foi un reto saír dese mundo, pero creo que é bo para min como compositora e cantante, intentalo. Despois xa veremos se funciona ou é un fracaso!

* Basia Bulat encheu a nosa disqueficha!

* Basia Bulat fará os concertos de presentación do Festival Voces Femeninas: este mércores 26 de setembro no Teatro Lara de Madrid, o xoves 27 no Café&Pop Torgal de Ourense (entradas esgotadas!), e o sábado 29 no Auditorio do Concello de Vigo. 

Foto | Disquecool

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *