Miteta, creatividade sen vergonza

Xa cando estudaban Belas Artes en Salamanca, Sara e Candela sabían que algún día terminarían traballando xuntas. Formaban un bo equipo, as dúas eran persoas inquietas e ambiciosas. Tiñan ademais moi claro o que lles gustaba: querían unir as súas dúas paixóns, fusionar a arte e o deseño. Así que un día, a miles de quilómetros de distancia, xurdiu Miteta, un concepto que aplican a todo tipo de produtos (roupa, complementos, bixutería, cousas para casa…) cunha clara filosofía detrás: “vivir sen medo, gozar do día como se fora o último e rodearte da xente e as cousas que che fan sorrir”, explican as súas creadoras.

Tras rematar os estudos universitarios Sara e Candela, asturiana e galega, respectivamente, tomaron camiños distintos. Sara marchou a Londres, onde traballou no V&A Museum, para despois regresar a España como deseñadora gráfica. A súa inquietude por coñecer novas culturas levouna a Shanghai, onde cursou un máster en idioma, cultura e negociación chinesa. Pola súa banda, Candela puxo rumbo a Barcelona, onde ampliou os seus estudos cun máster de Moda e traballou coa deseñadora Mariana Méndez. Pero os seus camiños volveron a unirse este ano coa creación de Miteta.

“Cando nos formulamos este proxecto as dúas tiñamos claro que queriamos facer algo divertido. Queriamos representar un mundo absurdo e sen vergonza, un pouco descarado”, cóntanos por correo electrónico Candela. Así naceu o nome deste proxecto, e tras el, a súa primeira colección, ‘Leva tempo chegar a ser mozo’, toda unha declaración de intencións. “Queremos homenaxear a eses avós vitais e divertidos que nos lembran cada día que a xuventude non é unha cuestión de idade, senón de actitude. Todos coñecemos a moitos vellos de 30 anos e moitos mozos de 80. Os protagonistas de Miteta son eses mozos de 80 que nos ensinan que a vida son dous días e que hai que disfrutala“.

Esta filosofía trasládase a bixutería, complementos, roupa feminina, cuncas, láminas e papelería. Cada produto acompáñase dun entrañable nome e explicación que nos conta a súa historia: a cunca de Agnes, unha refinada solteirona de sangue británica pero veciña de Estepona, ou o broche de soprano, inspirado na historia dunha famosa cantante que un día quedou sen voz, e á que o seu marido mercou unha gramola para que non esquecera a artista que chegara a ser. “Ás veces é o produto o que nos lembra a algún avó que coñecemos ou nos inspira para crear o personaxe, e outras veces é un dos nosos avós o que nos inspira para crear o produto”, afirma Candela. “No caso da chaqueta de Antonio foi un dos noso avós, que por despiste moitas veces puña a roupa do revés, o que nos inspirou para facer unha americana cos petos interiores por fóra”.

A maioría dos produtos están feitos a man con técnicas artesanais. A creación estrela son Os tirantes de Adolfo, unha cinta para levar a cámara de fotos que permite repartir o peso pola costas sen sobrecargar as cervicais. Na categoría de bixutería, o Colar de Urraca e o Anel de Soprano (que podes ver na foto superior) son os máis demandados.

Sara segue vivindo en Shanghai, onde compaxina o seu traballo como directora creativa para unha empresa de viños con Miteta. Candela continúa en Barcelona, aínda que espera regresar moi pronto a Galicia para dedicarse con completo “a este pequeno gran proxecto”. Moitos quilómetros e a diferencia horaria separan a esta parella creativa, pero Candela asegura que o feito de que sexan amigas e se coñezan tan ben fai que estean moi compenetradas. “Cando una explica unha idea á outra enseguida nos entendemos”, indica. Ademais, vivir en países diferentes permítelles aproveitar as oportunidades que cada un ofrece. “En España hai unha gran tradición de deseño, moi boa materia prima e grandes profesionais, e isto permite facer produtos de calidade. En Shanghai temos a oportunidade de vender nun mercado enorme e en constante crecemento no que escasea a creatividade”.

Na actualidade os produtos de Miteta poden adquirirse na súa páxina web desde toda Europa. En Galicia poden atoparse na tenda compostelá O Gato Cósmico. Ademais, a firma ten varios puntos de venda en Barcelona, e pronto tamén en Madrid. A marca tamén pretende comezar a vender en Shanghai, polo que Sara e Candela están en negociacións con varios establecementos da cidade.

A ebulición creativa deste proxecto non cesa, así que xa están traballando en novidades. “A nosa intención é ir sacando novos produtos constantemente. Agora acabamos de lanzar unhas láminas ilustradas e unhas cuncas con pousavasos e estamos preparando un álbum de fotos e camisetas, sempre coas nosas ilustracións”, explica Candela. De cara ao próximo ano outras das intencións das responsables do proxecto é mostrar a parte máis creativa de Miteta, para o que xa están a contactar con varias galerías.

Fotos | Miteta

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *