[Disquefesta] Razón 10: Consegue a nova edición da disquebolsa!

Disquebolsa da #Disquefesta12 by Clara MaldeO principio de todo foi o Culturgal do ano pasado. Disquecool levaba tan só uns meses en marcha e decidimos facer unhas bolsas co noso logo para celebralo. Foron todo un éxito, e agora as chamadas disquebolsas viaxan polo mundo, bailan en concertos, transportan a compra e quedan con outras bolsas. A Disquefesta é a nosa primeira celebración oficial, así que como non podía ser doutro xeito merecía unha nova edición de disquebolsas. Desta vez o noso logo cobra vida cuns olliños festivos grazas ao lapis dixital de Clara Malde. A edición é limitada, non quedes sen ela!

Lembrámosche que por 6 € poderás colaborar coa Disquefesta e ademais levar unha exclusiva chapa e a edición especial da nosa bolsa. Se queres facerte coa primeira, a do logo azul, tamén estás de sorte, porque teremos as nosas últimas unidades á venda (pero apura que quedan moi poucas!).

Con esta disquebolsa iniciamos a liña ‘Disquecool by…’, unha tirada limitada asinada para cada edición por un artista ou creativo galego diferente. A idea é que o autor realice unha intervención sobre o noso logo, de xeito que cada nova bolsa sexa completamente distinta á anterior. Nesta ocasión temos o pracer de presentarvos a bolsa ‘Disquecool by Clara Malde’, quen tamén é responsable do deseño do cartel da Disquefesta e a quen teredes que agradecer que teñamos mascota na celebración (xa veredes, é moi bonitiña!).

O noso amigo Petersen coa sua Disquebolsa entrando nunha tenda de San Francisco

Clara traballa desde 2008 nos eidos da comunicación e o deseño gráfico. É licenciada en Publicidade pola Universidade de Vigo e conta cun posgrao en Deseño e Estratexias de Comunicación impartido por Elisava. Desde entón ten traballado en distintas axencias de publicidade galegas. Vólvese tola cos animais riquiños, os festivais de música non poden faltar no seu verán e está comezando a caer na perigosa adicción das bicicletas bonitas.

Fotos | Disquecool e Ana Alonso

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *