Normalize: a app anti-Instagram

NormalizeXa nada é o mesmo. Desde que Instagram chegou a Android e todo o mundo comparte esas fotos con filtros retro que ata hai uns meses eran especiais, todo é un pouco máis triste. Atrás quedaron as bolboretas no estómago cada vez que engadías un filtro ou alguén dicía que a túa foto lle gustaba. Xa non sentes nada. Tan só, quizais, un pouco de odio ante esas fotos omnipresentes e a nostalxia daqueles tempos, alá por 2010, cando as imaxes chegaban sen filtro ás redes sociais. O teu con Instagram morreu o día que a app se volveu mainstream. Pero non te preocupes, non estás só. Oh, e there’s an app for that!

Si, queridos lectores, así é: a app anti-Instagram xa existe e volverá á súa aparencia orixinal todas esas fotos que ti desgraciaches a base de filtros. Trátase de Normalize e, de momento, está tan só dispoñible para iOS. Como nos bos tempos de Instagram! A promesa está clara: nun mundo tomado pola fotografía retro, volver a destacar dicindo que o que molan son as fotos sen filtro. Viva.

Normalize sirve para, principalmente, devolverlle a súa aparencia orixinal a todas esas fotos que pasaches por Instagram e non gardaches sen filtro cando eras máis novo e inconsciente. Agora que empezas a pensar como os teus pais, que se preguntan por que estragas as fotos a propósito, botas unha ollada a ese arquivo enorme de fotos de viaxes, comidas e pés e queres recuperalo sen parvadas engadidas.

Unha vez que teñas todo o teu Instarquivo libre de filtros, quererás dar o seguinte paso. Que pasa se paso por Normalize fotos antigas de verdade? Que pasa se, aguanta a respiración, paso por Normalize fotos Polaroid ou Lomo? A promesa é a mesma: Normalize devolverache fotografías con cores normais. Sen nostalxia, sen erros, limpas. Xa estás a pensar no teu álbum de Facebook para as Polaroid normalizadas, verdade? Volverás ao máis alto do hipsterismo.

Se non aguantas máis e queres probar xa Normalize, non tes máis que ir á App Store e mercala. Porque non é gratuíta, pero eses simbólicos 79 céntimos ben valen volver a ser o máis hipster dos teus amigos. Si, eses que aínda cren que Instagram mola. Pobres inocentes.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *