Despelexando Cibeles (un ano máis)

Debo confesar que a relación que manteño coa antes chamada Cibeles Madrid Fashion Week (agora coñecida como Mercedes Benz Fashion Week) se asemella bastante a unha desas relacións enfermizas dalgúns namorados das series de televisión. Non fago máis que despelexala, criticando todas esas pequenas cousas que fan que unha se sinta non nunha gran pasarela de moda (en fin, xa sabedes que nunca estiven tal pero que ben o podo imaxinar) senón nun lugar máis pequeno, máis miserento, máis provinciano. E sen embargo cando unha marca me chamou pola mañá do venres para darme entradas para un desfile da anteriormente Cibeles púxenme moi contenta e feliz e asentín rapidamente. Un ano máis, iría a Cibeles.

Madrid é unha pasarela de moda de segunda. A pesar de que á potente industria da moda española lle doa (potente gracias as marcas de consumo, non ás de alta costura, así que se explica claramente porque unha pasarela destas características non vai unida en importancia á facturación da súa industria da moda), a Cibeles non marca o calendario internacional de desfiles de moda. París, Londres ou Nova York  son moito máis importantes e a pobre pasarela madrileña ten que flutuar no calendario para non contraprogramar eses desfiles e quedarse nun moi moi pero que moi escuro plano. Así que a semana da moda de Madrid vai cambiando: se o ano pasado foi a finais de setembro  a presentación das coleccións primavera- verán, este ano foise a finais de agosto. Unhas datas nas que en Madrid hai pouca xente (polo menos pouca xente para sentarse no front-row dos desfiles: ata Carmen Lomana deixou claro en Twitter que era absurdo poñela nesta data) e na que Ifema ten aínda máis un aspecto desolado de baleiro. Pero a pasarela de Nova York adiantara data e pisara a de Cibeles e á organización non lle quedou máis remedio que cambiala.

A edición abriuna Josep Font para DelPozo (a primeira marca española que vive un cambio de deseñador trala morte de Jesús del Pozo), que fixo o desfile no moi descoñecido e fermoso parque urbano do Capricho, en Madrid. (Unha idea que pode parecer moi orixinal pero que tampouco é tanto: pensade que Karl Lagerfeld presentaba hai uns meses a súa colección nos xardíns de Versalles) Os desfiles comezaron o xoves pasado e durarán ata hoxe martes.

Pero… que é o que vimos? A primeira conclusión: pouca xente. No metro, de camiño a Ifema, que está na mesma liña que o aeroporto e que cando hai feiras soe ser unha mestura nos vagóns de xente vestida de feiras de exposicións (business casual ou, neste caso, fashionistas) con turistas con maletas do tamaño dos baúis da Piquer, non se vía moito máis que aqueles que ían ou viñan de vacacións. Só un home cun look completo (pantalóns azuis, americana de raias azul e brancas e slippers, co pelo super repeinado) mostraba o primeiro indicio de que nun pavillón de Ifema se estaba a celebrar a semana da moda. As adolescentes que se baixaron en Campo de las Naciones, as mesmas que sempre soen ir ou excesivas ou preparadas para saír no seu blog, deixaron o look fashion polos pantalóns curtos e as camisetas. Que era o que estaba pasando? Onde estaban as ordas fashionistas, as vellas con pelexos e a xente que porfía por unha invitación? Estaban directamente de vacacións.

O camiño ata o pavillón (un descampado de asfalto no que no inverno – ou cando hai unha feira con tirón – aparcan taxis e máis taxis) estaba completamente baleiro, cunhas cantas persoas de look excesivamente normal (ata me crucei cun home que podería ser o meu pai!, un home – meu pai – que non ten nin idea de tendencias). Ía frío (polo menos por debaixo 20 graos naquela tarde de agosto, en Madrid), algúns ata sacaran sudaderas con capucha e todo iso o facía un pouco deprimente. Eran as sete menos algo, era venres e era un día de agosto frío. Só un blogger se facía unha foto no descampado. Poñías unhas pelusas a dar voltas polas paradas de taxis desocupadas e terías o total look extremo Oeste.

Dentro, o Cibelespacio (non sei como se chama agora que a palabra Cibeles desapareceu do mapa) tiña un acabado máis elegantes que en edicións anteriores pero era, sen embargo, un pouco máis deprimente. Se en setembro pasado unha persoa lamentaba que non desen chocolate gratis, esta vez podía chorar pola pena. Poucas cousas e o único gratis que se podía conseguir (ademais dos ocasionais números de revistas; esta vez fíxenme coa Telva de agosto!) era unha copa de champaña. E o máis impactante: case non había que facer cola para conseguila. O deseño da botella é de Francis Montesinos e estaba bastante bo, aínda que é un pouco ridículo andar a voltas cunha copa por medio duns stands non moi cheos. As colas, curiosamente, estaban nun posto – de pago – de iogur xeado, unha desas cousas que non hai moito era orixinal e que agora está en todas partes.

Tampouco había as habituais colas de fans da moda que agardan poder entrar nun dos desfiles. Entrei no de Ágatha Ruiz de la Prada se ver a moita xente agardando fóra. Dentro, os VIPS -VIPS tiñan unha bolsiña de merchandising agardando (o que era bastante cutre: media bancada con regalos e outra media sen eles). Fómonos sentando – o desfile disque empezaba ás 19.30 – e foron quedando sitios e máis sitios baleiros. A tele e os paparazzis facían fotos na zona dos famosos (pero eu só puiden recoñecer a Pedro J.) e cando xusto antes de empezar fixeron pasar a xente para encher os ocos sen dono non conseguiron que non quedasen lugares sen xente sentada.  Aínda así ir ver a Ágatha mola: é unha confesión que teño que facer. A música era divertida (comezou con Alaska!), a roupa tamén e todo era rápido e animado (moi Ágatha). As pobres modelos levaban unha cousa rosa na cabeza que non semellaba moi cómoda pero polo menos todo era bastante fiel ao que se espera dunha marca así (mirade calquera fotogalería dos demais desfiles: todo é demasiado parecido e comercial). Un vestido de noiva feito de margaridas (que en curto non tería porque ser tan pouco poñible) ou outro que era un día de chuvia foron algúns dos máis reseñables. Outros eran raros, como este que recorda a aqueles peluches das enfermidades que molan tanto. Roupa bastante especial -moita non sairá da pasarela, pero polo menos racha coa tónica do que todos están a mostrar – que creou unha especie de atmosfera de bo rollo.Prométoo: todo foi divertido e optimista.

Bonus track un pouco WTF: Duyos fixo desfilar a un Nokia 

Foto | Mercedes Benz Fashion Week 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *