The back office, o que ocorre na trastenda

The Back Office aterrizou o pasado mes de abril en Vigo coma un concepto multidisciplinar que aglutinase tenda de roupa, salón de peiteados e centro de estética. Sen embargo, a creatividade sen límites de Arturo e Luca, os seus impulsores, e do seu equipo fixo posible que hoxe sexa moito máis ca iso. Todo (rectificamos: absolutamente todo) ten cabida neste espazo de estética industrial e algo destroyer situado no número 84-86 da rúa Areal.

Detrás dese aspecto moderno e rompedor escóndese un verdadeiro tributo ao medio ambiente. A filosofía eco chic respírase por todas partes: nos asentos feitos con neumáticos, nos probadores de tea de saco, na viga de madeira da que colgan as prendas (unha curiosidade: está motorizada, polo que sube e baixa segundo as necesidades de espazo para celebrar as numerosas actividades que organizan), nas caixas de froita a modo de estanterías… A paixón pola natureza que senten ambos está presente en todos os recunchos e en todos os produtos que comercializan. Para eles, a ecoloxía é un xeito de entender a vida. E iso lévano a todos os campos, tamén ao da gastronomía. Cada certo tempo, acollen eventos nos que deleitan aos asistentes con sorprendentes maridaxes de produtos delicatessen, sempre de orixe natural. Por exemplo, recentemente organizaron un de kobiño (unha fusión entre carne de vaca galega e o lendario boi de Kobe, ao que moitos coñecen coma “o jabugo de bovino”) con cervexa San Amaro, elaborada de xeito totalmente artesanal.

Nesta trastenda organízanse todo tipo de actividades, como clases de baile, exposicións de arte, música en directo… Así mesmo, cada mes contan coa presenza dun tatuador de renome, que acode ata alí para facer tatuaxes a quen o desexe. O local tamén se pode alugar para eventos privados, como despedidas de solteira, nas que a afortunada poderá sentirse coma unha das protagonistas de ‘Sexo en Nova York’, aínda que só sexa por unha noite. “As actividades non deixan de fluír”, explica Arturo. “Coñecemos a moita xente, movémonos moito, pero tamén cada vez son máis os que se achegan ata aquí para propoñernos ideas”. A inspiración venlles de viaxar e de ver cousas. As posibilidades son case infinitas, e están abertos a todo tipo de suxestións.

Malia que supera con creces o concepto de tenda de roupa, este espazo transpira moda polos catro costados. Nas súas perchas colgan prendas de Le freak chic, que deseña o propio Arturo, e que se caracterizan por un estilo moi cañeiro, cun punto rock, con tecidos como o denim e o algodón. Tamén hai sitio para marcas coma Kling (da que sabemos que algunhas sodes grandes adeptas), Mekdes, à byciclette, ou a firma de accesorios made in Spain Stella Rittwagen, autora dalgúns dos modelos de bolsos Satchel en tons flúor que lles temos visto a tantas famosas este verán. Algúns dos produtos estrela do establecemento son as zapatillas Civic Duty (unhas sneakers fabricadas cun material reciclable de textura similar ao papel e totalmente respectuosas co medio ambiente), os reloxos feitos en madeira ou as deportivas de Nike sen costuras, dunha soa peza, que venderon en exclusiva en España. Os prezos van desde os 10 ou 15 euros dalgunha camiseta de algodón ata os 150 que pode custar un pantalón vaqueiro de Le freak chic, dependendo do seu lavado. A acollida das prendas está a ser moi boa. “A xente é quen de distinguir un produto de calidade doutro que non o é. É o que ten a crise: que mercas unha vez, pero mercas ben”. Consumo intelixente lle chaman. Por iso, The Back Office ten o seu espazo nun mundo colonizado por Inditex e compañía. Iso si, os que teñan pensado agardar ata as próximas rebaixas para pasar por alí, escusan facelo. “Non cremos nelas. Cremos en tratar ben ao cliente todo o ano”.

Son conscientes de que, nos tempos que corren, imponse a exclusividade, tanto nos produtos coma no trato ao cliente, que cada vez é máis personalizado. Todo en The Back Office invita a pasear por alí coma se estiveramos na nosa propia casa, gozando dunha experiencia multisensorial. Segundo os expertos, o luxo xa non é ostentación, senón sensación. Así o entenden tamén no referente aos tratamentos de perruquería e estética. “Non queremos vender ningunha marca, senón recomendarlle ao cliente o produto que mellor lle vai. E case sempre repite”, sinala orgulloso Arturo.

Esa filosofía eco friendly da que falabamos antes tamén salpica aos tratamentos de beleza. Todos os produtos empregados son naturais, e mestúranse os ingredientes segundo as necesidades das persoas. Entre as técnicas que ofertan están a presoterapia e o lipoláser redutor, “que en Madrid poden custar uns 240 euros, mentres que aquí facémolos por 50”, explican.

Pero, ¿como se acolle un espazo destas características nunha cidade alonxada dos circuítos habituais nos que se move a vangarda? “Vigo é unha cidade moi transgresora”, apunta Arturo, “pero máis a xente maior que a nova. A verdade é que non o esperabamos. Vese que aos mozos dálles máis reparo que os vexan poñendo as mechas”, bromea. Da súa man teñen que é un local 100% visual, no que moita xente entra por curiosidade.

Ningún dos dous é un novato no seu. De feito, Arturo está tamén detrás de The house of cheap and chic, unha tenda en Valença do Miño que comercializa marcas como Kling, Yumi ou Amy Gee, e da que xa vos falamos hai tempo . Ademais, entre os seus proxectos futuros está abrir un establecemento de similares características en Cagliari (Cerdeña), de onde é orixinario Luca.

Entre tanta voráxine creativa, non teñen medo de quedar sen ideas. “Para poderte distinguir, tés que apostar pola innovación”, sentencian. A innovación sempre camiña da man da imaxinación, e eles diso teñen a moreas.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *