Intercambiando anacos de mundo

Postcrossing

Hai algo mellor que achegarse á caixa de correo e atopar nela, entre as facturas,  algo escrito a man? Algo máis inspirador que descubrir alí perdida a beleza dun anaco do mundo nunha fotografía?  Algo máis emocionante que recibir  unha postal dun lugar que nin sabías que existía -pero que semella vale a pena coñecer-? Se todo isto está a deixarte máis ben frío, Postcrossing non é para ti. Pero se entendes do que falo, ai, entón Postcrossing será a túa perdición.

E que é exactamente Postcrossing? Unha plataforma mundial de intercambio postaleiro. É dicir, ti te rexistras na web, recibes unha dirección ao azar, envías unha postal a esa dirección -cun numeriño que permite rexistrala-, e pouco tempo despois alguén che enviará unha postal a ti. Non sabes quen, e sobre todo, non sabes de onde.

Unha idea fantástica, pensaredes, e así é. É froito da paixón polas postais dun portugués nómade, Paulo Magalhães, quen creou a web coma un proxecto da carreira. Inspirouse na idea de Bookcrossing,  que permite a circulación gratuíta de obxectos venerados. “As postais son intrinsecamente físicas -explica-pero aínda así o mundo virtual pode axudalas, conectando a todos aqueles aos que lles gusta recibir e enviar postais”.

E por que en tan só sete anos hai  335.000 usuarios rexistrados e crecendo?  O propio Paulo explícao moi ben: “Cos avances da tecnoloxía, chegaron incribles ferramentas de comunicación coma o email ou o messenger. Con estas ferramentas, a xente está, en certas maneiras, máis conectada, pero tamén máis distante -cada quen sentado diante do seu ordenador. As postais, por contra, son íntimas e especiais. Cando alguén se toma a molestia de elixir unha postal para ti, escribila, pórlle un selo, e enviala, está a dotala dun significado único.”

Por suposto, non todas as postais son tan especiais. Un dos meus medos, no que a Postcrossing se refire, era que os demais non se esforzasen tanto coma eu en buscar unha postal bonita (ou que eles e máis eu non teñamos o mesmo concepto de postal bonita). A maioría dos usuarios especifican no seu perfil que tipo de postais prefiren, pero claro, hai quen trata de cumprir desexos e quen non. En todo caso, salvo excepcións, sempre é excitante recibir unha postal de calquera lugar do mundo.  E é que hai usuarios de máis de 200 países diferentes, entre os que destacan -por esa orde- Estados Unidos, Rusia e China.

En canto ao tipo de usuario, hai moi diferentes motivacións. Desde o coleccionista de selos ata a estudante de botánica que pide postais de plantas locais, pasando polo profesor de instituto que usa Postcrossing como unha ferramenta de ensinanza. As idades dos fans de Postcrossing abarcan todo o espectro, aínda que hai un claro patrón de xénero. O 80% dos usuarios de Postcrossing somos mulleres.

 Postcrossing ten, sen dúbida,  algo de máxico.  Desde algún recuncho do mundo, alguén enviarache unha postal, e con ela, a chave para a conquista dun novo espazo.

Foto | Postcrossing

Shares

    Etiquetas

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *