5 plans para un mes de agosto sen vacacións

San Estevo

Cando chega o verán todos soñamos con coller vacacións para ir a algún lugar paradisíaco (ou no noso caso, a algún destino cool). Imaxinámonos percorrendo o mundo, mandando postais de países exóticos, mergullándonos entre peixes tropicais. A realidade, por suposto, é moito máis amarga. Pode que nin teñamos vacacións, pode que as teñamos pero non cartos para sacarlles o máximo partido -e co agravante de quedarnos sós na cidade, mentres os nosos amigos, maldita sexa, conseguen escapar -.

Pero quedar todo o mes de agosto na túa cidade (mesmo traballando) non é incompatible coa diversión. Están as minivacacións, por suposto, con destinos de fin de semana que non serán exóticos, pero poden ser descoñecidos. E están os plans urbanos, porque o bo de vivir en Galicia -ao menos se non vives en Ourense- é que salvo un par de días de calor abafante, pódese gozar bastante da rúa.

Disquecool quere proporte 5 plans diferentes para que aproveites agosto tanto tanto coma se estiveses de vacacións.

1. Vive a túa cidade

En verán a maioría das vilas propoñen concertos e outros espectáculos ao aire libre (e normalmente gratis). En Vigo esta semana temos concertos todos os días na Praza da Constitución. En A Coruña comeza mañá un ciclo de cine ao aire libre. En Santiago terán lugar proxeccións de curtas en distintas prazas do Casco Vello, así como concertos moi interesantes en terrazas.

2. Fai algo novo

Por exemplo unha maratón fotográfica. En Vigo a fin de semana do 10 de agosto terá lugar a XVII maratón fotográfica, organizada pola Agrupación fotográfica galega. A saída terá lugar o sábado 11 de agosto ás 21 horas, onde os participantes recibirán a información sobre 4 temas que deben fotografiar. O domingo ás 20 horas terán que entregar as súas fotos plasmando os temas propostos.

3. Mira estrelas

É un plan barato, bonito e ben romántico. As noites de agosto son as mellores para observar estrelas (sobre todo en torno ao 16 de agosto, cando ten lugar a chuvia). Só tes que afastarte un pouco das luces da cidade e descubrir todo un mundo.

E se queres unha experiencia astronómica máis completa podes achegarte ata o albergue Os Biocos, en San Xoan de Río, onde organizan noites  nas que un astrónomo vai explicando as estrelas, as constelacións e os meteoritos que a túa vista -telescopio mediante- vai atopando polo camiño. Por 35 euros podes gozar de cea, observación astronómica, aloxamento e almorzo.

Festa gastronómica4. Come de festa

Se por algo destaca o verán é pola súa ampla oferta en festas gastronómicas. E comer e beber sempre é un bo plan. Entre as máis coñecidas de agosto destacan a festa do viño Albariño en Cambados (esta fin de semana), a festa do polbo en Carballiño (12 de agosto) ou a festa do xamón da Cañiza (15 de agosto). Pero practicamente hai unha en cada barrio, é cuestión de buscalo.

5. Fai turismo de proximidade

Aínda non pisaches as Illas Cíes ou Ons? Nunca visitaches os mosteiros da Ribeira Sacra? Tes apuntada a Praia das Catedrais na túa axenda desde tempos inmemoriais pero aínda non a tachaches? Descoñecías que en Galicia está a única cascada europea que desemboca no mar? Cres que Portugal é só ese lugar aburrido ao que te levaban de pequeno? Pois iso, aínda tes moito turismo por facer este verán!

Fotos | Andrés Fraga

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *