TerraZeando: Concertos ao solpor estival en espazos singulares de Compostela

Terrazeando, ciclo de concertos en terrazas

Imaxina unha terraza, engádelle unha posta de sol e unha noite de verán. Xa de por si resulta apetecible, non si? E se ademais soa música e detrás dos micrófonos e os instrumentos están, aí, en directo, na intimidade dese pequeno espazo aberto, agrupacións como Bandini, Trampoline, Os amigos dos músicos, Birds are Indie e Sonny and the Sunsets, o plan estival non pode ser máis perfecto. Terracear é case un deporte en Compostela, e para fusionar esa afección coa musical a asociación Desconcierto Cultural vén de pór en marcha a iniciativa TerraZeando, un ciclo de concertos de verán en localizacións privilexiadas de Santiago.

Terrazeando, ciclo de concertos en terrazas

Richard Bandini, vocalista, compositor e un dos principais ideólogos do grupo Bandini foi o encargado de abrir este sábado o ciclo de concertos. Unhas sesenta persoas puideron gozar da intensidade emocional do músico madrileño na terraza de O Afiador, na rúa de San Pedro. Manuel, Fernando e Carlos, de Desconcierto Cultural, explícannos ao fresco da noite que a idea naceu da oportunidade de aproveitar a época estival e espazos singulares e privilexiados, que non adoitan ser utilizados para eventos culturais. Se ben a primeira sesión celebrouse en sábado, o resto dos concertos serán entre semana. A cita será coa caída do sol, cando xa estamos de volta da praia ou da oficina, listos para agarrar a nosa cervexa fría e deixarnos levar pola brisa e a música en directo. Ata o 26 de setembro outras 4 terrazas acollerán as melodías de bandas con propostas diversas procedentes de localizacións tan dispares como Ourense, Coimbra, San Francisco e Vigo.

Así, o 16 de agosto a terraza do Restaurante A Moa será o escenario do trío vigués Trampoline, a cabalo entre o folk americano e o pop británico. O 30 de agosto o grupo de Ourense Os amigos dos músicos actuará no paradisíaco xardín do Hotel Costa Vella, mentres que o 13 de setembro a formación portuguesa Birds are Indie levará ao Restaurante Broa as súas cancións de folk alegre. O ciclo pecharase o 26 de setembro na impresionante terraza da Fundación Granell co rock and roll sesenteiro da banda de San Francisco Sonny and The Sunsets.

Ademais, e para alivio do teu peto, os concertos son de balde, coa excepción do último, para o cal os seus organizadores prometen “sorpresas”. A iniciativa TerraZeando nace segundo os representantes de Desconcierto Cultural con vocación de continuidade, así que se agardamos ter atardeceres e música en directo para rato nas terrazas de Santiago.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *