O disco da semana: Unsound, de Mission of Burma

Tras un inicio estival onde os sons máis suaves e noveis encheron as nosas crónicas, os nosos ouvidos e os nosos Discos da Semana, comezamos esta recta final de xullo cunha banda que xa hai anos ven peiteándose máis dunha cana… e que, porén, ten no estrondo, nos decibelios e no desenvolvemento caótico de toda canción o seu sinal de identidade. Diremos que a Mission of Burma o único que lle afastou dun éxito máis maioritario foi que coetáneos seus, sinxelamente, melloraban as súas prestacións.

Foi por iso, quizais, que tras un par de discos se tomaron un leve descanso. Iso de tocar xuntos estaba ben, e daba de comer xustamente, aínda que semellaba que a estabilidade viría por outro lado. Así, Roger Miller e Clint Conley, os líderes do cuarteto, adicáronse a outros menestreis durante ese breve descanso. Poñámoslle dúas décadas. O primeiro, a probar sorte con outros proxectos musicais, e o segundo a explorar as súas capacidades como produtor. Xente como Yo La Tengo agradeceron esa decisión, mentres a escena do indie-rock americano comezou a ser mellor aproveitada por bandas xa lendarias, como Dinosaur Jr. ou Sebadoh… ata que ese síndrome de dependencia apareceu, e houbo recaída no consumo hai xa uns anos.

Para mostra, un ‘Unsound’ (Fire Records, 2012). Un disco cheo de enerxía máis propia de recén aterrados no instituto que de xente que xa vai coqueteando coas excursións a Benidorm cos seus colegas do Imserso. Un traballo cheo de ruído, de morte e destrución. 35 minutos nos que unha voz pode quebrarse lentamente, onde cada nódulo das cordas vocais se vai agrandando ata rozar a explosión. Así, temas de tres minutos, sen contemplacións, sen gran atención aos ditados do solfexo, tan excesivo que o mesmo te apaixona como te fai subirte polas paredes do fogar, de absoluta desesperación.

Sirva un Semi-Pseudo-Sort-Of Plan para levarnos a aqueles finais dos ’80, coas bandas comentadas. Unha melodía tan evocadora como chea de paixón aínda na actualidade. O paradigma da vixencia do clásico. Ou This is Hi-Fi, entolecida, deixándose levar por ese momento de enaxenación mental transitoria, coñecedor de que xa dá igual, de que tes dereito a facer o que che dea a gaña. Aínda que os mellores temas do disco chegan con Second Television, que sobresae, e a fascinante 7’s…. ¿quen dixo que os vellos non podían namorar?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *