Cousu de Fil Blanc, cosmética inspirada nas ‘Flores do mal’ de Baudelaire

Charles Baudelaire, como elegante cabaleiro

A poesía de Charles Baudelaire é tráxica e grandilocuente, recargada a máis non poder e chea de máscaras, sepulturas, xente miserable e cousas malditas. Tes que lela en voz alta para apreciar todas esas cousas que teñen que poñer os pelos en punta (ben, poñían na época; agora quédanos o regusto do vello). Que se pode esperar dun libro titulado ‘As flores do mal’? Un texto maldito, condenado pola boa sociedade, escuro e por tanto marabilloso e que inspirou a artistas de todo tipo. A última gota de inspiración saída do texto de Baudelaire, bastante acertada se pensamos que o poeta era un elegante dandi, é unha liña de produtos de perfumería e cosmética.

Asínaa Cousu de Fil Blanc, unha firma francesa fascinante, cun packaging exquisito (os seus xabóns veñen nun paquetiño de papel de calidade extrema… cosido como o seu nome indica con fío de cor branca) e cuns produtos sorprendentes. Teñen varias coleccións, que deseñan, segundo explican na súa web, como os grandes modistos fan as súas coleccións de roupa (aínda que cuns prezos moito máis alcanzables para o común dos mortais). Os seus xabóns están feitos con materias 100% naturais e por un 0 “mestre artesán” que os elabora do xeito tradicional. E claro está sen os famosos parabenos, sen colorantes artificiais e sen engadidos máis alá do que da a natureza (tampouco o testan en animais).

E nesa liña se sitúa Les Fleus du mal, a colección de xabóns e perfumes que se inspira na obra de Baudelaire. Todos os produtos empregan como base unha das flores malditas, como son o asente, o cannabis e a papoula. De cada unha delas sacaron un perfume (“con fondo misterioso, corazón subversivo e saída lixeira”) e uns cantos xabóns fascinantes, que son os que testamos na proba cosmética.

Os xabóns teñen un prezo que oscila entre os 10 euros da venta directa da marca (máis gastos de envío) e os pouco menos de 12 que cobran sites especializados como Laconicum (que xa mete no prezo final mandarcho). A pesar dos seus materiais base de cuestionable reputación, poden ser empregados por toda a familia (non fixemos a proba con ningún neno, pero eles prometen que non lles vai pasar mal algún) e non crean ningún tipo de adición máis alá da que produce a cosmética eficiente. O xabón de cannabis (en realidade aceite do gran do cannabis acompañado por mel de montaña) é altamente hidratante e está recomendado (segundo explican no dossier do produto para medios) para as peles secas. A experiencia de uso é que si que hidrata pero tampouco é especialmente abraiante (sobre todo se es unha fan absoluta deses produtos que xeran moita espuma) e non ten un cheiro especialmente sorprendente. Iso si: mentres o usas, subcoscientemente sintes que estás a facer algo lixeiramente transgresor.

O xabón de papoula en cambio é gratamente sorprendente. Leva mel de montaña e sementes de papoula e é un exfoliante suave (un deses que non che arrancan media pel cando o empregas e que serve para un uso máis habitual). Tamén é hidratante e realmente moi efectivo. No momento non semella que estea máis suave que o que é habitual cun xabón pero un tempo despois descubriras con entusiasmo que si conseguiu mellorar a suavidade de xeito notable.

*Podes acompañar a experiencia de uso cunha lectura previa da poesía de Baudelaire: Galaxia ten unha edición bilingüe galego-francés

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *