Vídeos para a fin de semana: series adolescentes

Esquece por un momento os teus problemas de adulto (é venres!) e regresa uns anos atrás. Década dos 90: vaqueiros desgastados, ombreiras, leggins estampados, chándal. A moda non era o mellor, pero as mañás de verán e as tardes de bocadillo eran unha deliciosa sucesión de series con rapaces e rapazas que namoraban, participaban en bailes no instituto e tiñan uns pais que non os comprendían. Hoxe recuperamos esas imaxes na nosa selección de vídeos para a fin de semana. Cabeceiras de series adolescentes dos 90!

1. Saved by the bell – Salvados pola campá.

Zack, Screech, Lisa, Slater, Kelly Kapowski… Escoitar estes nomes é pensar en ilustracións de estilo ClipArt xirando sobre texturas moi charramangueiras. Poucas cousas poden definir mellor o horrible da estética de finais dos 80 – principios dos 90, coa excepción dos xerseis de Bill Cosby. Realmente nacemos nunha época moi mala. A única moda que non debería volver nunca é a da nosa infancia e adolescencia. Pero non vos confundades, pese ás críticas fun moi fan de ‘Salvados pola campá’.

2.  Heartbreak High – Os rompecorazóns

‘Os rompecorazóns’ desmarcouse da ñoñada doutras series adolescentes dos 90. Ambientada nun instituto situado nunha zona multirracial de Sydney, definíase como máis realista que as súas contemporáneas. Desde logo era máis crúa, abordando temas como o suicidio xuvenil ou o sexo precoz. A adolescente que eu fun atopaba sen embargo bastante pouco realista que uns estudantes de instituto puidesen vivir xuntos nun piso con outros compañeiros. Unha serie indispensable para as mañás de verán.

3. Dawson’s Creek – Dawson crece

A ‘Dawson crece’ sobráballe unha cousa: Dawson! Tanto tormento era insoportable. Pese a isto, é sen dúbida un imprescindible das series adolescentes.


4. 90210, Beverly Hills – Sensación de Vivir
Eu tiña unha camiseta de Brandon e Brenda que miña nai mercara na feira de Pontevedra. Eran os meus favoritos, pero nunca entendín por que os seus pais lles puxeran nomes tan parecidos.

5. Boy meets world – Eu e o mundo
Lembrades esa serie que botaban en La 2 sobre a vida e crecemento dun adolescente? O protagonista era un pouco panoco e tiña un amigo máis guapo, máis popular e aínda máis parvo, e unha amiga da que estaba namorado. Con estes elementos podería ser calquera serie de adolescentes, xa, pero se vos digo que a rapaza se chamaba Topanga? Se algunha vez vistes ‘Eu e o mundo’ non creo que esquecerades este nome (Topanga!). A serie comezou a emitirse na canle americana ABC en 1993 e algúns dos seus guionistas son tamén responsables doutros clásicos inesquecibles como ‘Os problemas crecen’, ‘Cousas de casa’ ou ‘Pais forzosos’.

6. Sweet Valley High – As xemelgas de Sweet Valley
Moi fan da tradución para Latinoamérica, ‘Mellizas y rivales’. Baseada na serie de novelas ‘Sweet Valley High’ de Francine Pascal, esta comedia adolescente explota o tema das xemelgas idénticas fisicamente e opostas en carácter. Para abreviar, Liz é a boa e parviña e Jessica a mala. Pero por se non o sabías, as irmás son reais, seguen vivindo en 1996 e teñen un blog.

7. Al salir de clase

Coa intención de emular a exitosa fórmula de series como ‘90210 Sensación de vivir’ ou ‘Salvados pola campá’ pero cun enfoque español, Telecinco lanzou en 1997 ‘Al salir de clase’. Durou unha eternidade (1.199 capítulos) e dela saíron actores e actrices agora coñecidos como Pilar López de Ayala ou Elsa Pataky.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *