Laddo: arte que se fai en Ourense

Cesar  Prada LaddoQue coñeces da arte que se está a facer en Ourense? Se a lonxitude da resposta non é para botar foguetes, resolvelo pode estar na túa man. Porque non hai mellor mostra de provincialismo que estar ao día do que se fai fóra e ignorar todo o que ocorre na casa.

Laddo é o instrumento que te pode servir nesta empresa: unha páxina web que recolle a obra de 14 artistas ourensáns e que a pasada semana deu o salto do virtual ao presencial cunha exposición nunha viñoteca de Ourense.

O principal impulsor de Laddo foi Pablo Prada, fillo do pintor e escultor César Prada. Conta como hai uns nove meses comezou a roldarlle a idea de recoller toda a obra do seu pai en formato dixital, co obxectivo de que o seu traballo chegase a máis xente. Esa idea inicial ampliouse co tempo e decidiu propor un punto de encontro para distintos artistas ourensáns. Así, hai xa uns sete meses naceu a páxina web Laddo que recolle o traballo de artistas xa consagrados coma César Prada ou Manolo Zapata, pero tamén de xente nova coma Iria Paz, Moncho Barazeiro, ou Daniel Gallego.Daniel Gallego Laddo

Cesar Prada insiste en que Laddo non é un grupo artístico nin unha plataforma. En Laddo atopamos todo tipo de disciplinas artísticas (pintura, fotografía, escultura, ou arte dixital) artistas de diferentes xeracións, diferentes xeitos de traballar a obra… o único nexo común é a súa condición de ourensáns e o compromiso de cadaquén (única e exclusivamente) coa súa propia obra. “O meu obxectivo non era máis que dotar dun espazo virtual aberto, fóra do ámbito comercial,  á obra dos artistas de Ourense, para facilitar o acceso a ela e dala a coñecer”.

Iria PazAgora, as obras dos artistas de Laddo pódense gozar tamén en vivo e en directo gracias á exposición que estará durante os meses de xullo, agosto e setembro na viñoteca A cuqueira de Lourdes (Av. Buenos Aires 10). “O malo do espazo virtual”, explica Pablo, “é que falta interacción”. A exposición ten un ámbito intimista, case tanto de xuntanza entre eles “ao carón dunha cunca de viño” coma co público. Porque en Ourense se están a facer moitas cousas interesantes, só falta un pouco máis de visibilidade.

Fotos | Laddo (obras de Cesar Prada, Daniel Gallego e Iria Paz)

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *