Crónicas de Jerusalén: un canadense na Cidade Santa

cronicas de jerusalen. Guy DelislePrimeiro foi o blog, ‘Xerusalén, un canadense errante na Cidade Santa’, un diario de viaxe no que a través de imaxes e bosquexos o autor de cómics Guy Delisle (Quebec, 1966) narrou as súas vivencias neste conflitivo recuncho do mundo. Non era novo para el, o canadense é un experto en retratar, desde a cotianidade, sociedades complexas en situacións difíciles. Así o fixo con ‘Shenzen’, ‘Pyongyang’ e ‘Crónicas birmanas’, e así o fai, unha vez máis, con ‘Crónicas de Jerusalén’, o cómic que resulta dese caderno de bitácora na rede.

O libro relata, mes a mes, o ano que pasou na Cidade Santa, á que chega coa súa familia para acompañar, unha vez máis, á súa parella, que traballa en Médicos sen Fronteiras. Guy xa é pai de dous nenos, e convértese nun inusual amo de casa en Xerusalén. O choque cultural é de novo o detonante desta historia, que nos ofrece, co humor habitual en Delisle e con moi poucos prexuízos, unha visión do conflito árabe-israelita desde o cotián e desde a súa propia relación coas persoas coas que se vai atopando.

O autor é o protagonista da novela gráfica, que lonxe de resultar xornalística, como a ‘Palestina’ de Joe Sacco, resulta máis ben un diario subxectivo que atrapa nas súas vivencias as contradicións e as peculiaridades da vida en Terra Santa. Desde unha certa inxenuidade Delisle sorpréndese, e sorpréndenos, viñeta a viñeta. Os atoamentos, os controis de seguridade, os muros, os rezos que o espertan polas noites, as cafeterías e parques infantís que descobre con gran ledicia, pasan a formar parte dunha rutina que nos di moitas cousas de Xerusalén. A través das súas amizades —unha francesa que quedou na cidade por amor, un cura afeccionado aos cómics que lle ofrece un espazo de traballo no Monte dos Olivos, un deseñador palestino, os seus alumnos nos obradoiros de cómic…—, nas súas viaxes en busca de inspiración que trasladar ao papel ou na súa relación con outros expatriados, imos tecendo unha historia que transcende o persoal para retratar unha sociedade complexa da que só sabemos polos telexornais.

Máis de 300 páxinas dunha lectura absorbente e deliciosa, que pese ao triste da temática é capaz de provocar no lector gargalladas, e que mereceu o premio ao Mellor álbum no Salón Internacional do Cómic de Angoulême 2012.

‘Crónicas de Jerusalén’ está editado por Astiberri. Do mesmo autor podemos atopar tamén nesta editorial ‘Shenzhen’, ‘Pyongyang’ e ‘Crónicas birmanas’, así como o recompilatorio de historias curtas ‘Cómo no hacer nada’. En Faktoría K podemos atopar ‘Luis va a la playa’ (tamén dispoñible en galego).

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *