Wes Anderson, Wes Anderson, Wes Anderson!

Moonrise Kingdom (Wes Anderson)

Wes Anderson comezou a se interesar polo cine e a fozar no Super-8 moi novo, de rapaz. Esta pegada de neno, que se move incriblemente entre a ironía e a inocencia, segue a estar presente nas súas películas e mesmo se convertiu na súa sinatura. Non hai máis que ver un par de minutos de ‘Life Aquatic’ ou de ‘Os Tenenbaums’ para saber que estás dentro dunha das súas historias; pero con ‘Moonrise Kingdom, a súa última película, chegou á depuración wes-andersoniana máxima: unha historia de amor e aventuras protagonizada por un boy-scout e unha nena roiba cun pick-up nos anos sesenta.

Moonrise Kingdom (Wes Anderson)

Tendas de campaña, casetas nas árbores, a vida nunha illa, un rapaz con parche nun ollo, unha gran tormenta e Edward Norton en pantalóns cortos. E se fose pouco con isto: Bruce Willis, Frances McDormand, Harvey Keitel, Tilda Swinton, e como non, Bill Murray, que non pode faltar nunha película de Wes Anderson. É incrible ver como o director de Houston convirte a todos estes actores de primeira división en monicreques e os move por todos eses preciosos escenarios sesenteiros cheos de cores para crear a súa representación, na que cada plano e cada movemento está premeditado para acadar ese resultado perfecto.

A forma de filmar de Wes Anderson tamén é parte da súa sinatura. Todos eses planos frontais e de perfil, os movementos de travelling lateral, as composicións centrais simétricas… Todo ese xeito de facer xunto coas súas historias naïf, os iconos pop que vai introducindo (un pick-up, unha maleta amarela, un megáfono, unha alfombra redonda, uns prismáticos…), os incribles vestiarios, e as preciosas músicas, forman unha especie de comic en movemento ou de conto cinematográfico, que materializa todos os gustos indies. Wes Anderson conseguiuno: é como a versión luminosa de Tim Burton, mezclada co humor dos Coen, e as atmósferas de Twin Peaks… Pode alguén dicir que non a isto?

Fotos | Moonrise Kingdom

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *