Oh la la! O París cambia de imaxe

Moitos de vós lembraredes a vosa época de estudantes, cando, noite tras noite, propuñádesvos completar o París-Dakar, obxectivo que a maioría, afortunadamente, nunca chegastes a cumprir. Outros aínda seguiredes intentándoo. Pois que saibades que a clásica ruta de viños compostelá xa nunca volverá a ser o mesmo. Porque o seu punto de partida, o emblemático bar París, reabriu as súas portas hai poucas semanas, e fíxoo cun espectacular cambio de imaxe.

Os responsables dese lavado de cara son a parella formada por Antonio, procedente de Ourense, e Lina, de Suecia, que soubo salpicar de influencias nórdicas a outrora clásica cafetería. Na reforma empregaron materiais reciclados que mesturaron con outros novos, pero o camiño para conseguir ese resultado final non foi doado: eles mesmos fixeron algúns dos mobles e retiraron o pladur das paredes. A súa intención era cubrilas de novo, pero finalmente decidiron deixalo todo como está hoxe, cun toque inacabado que lle da un aspecto vintage (que non vello). “Foi todo un pouco improvisado”, sinala Lina. Así, muros de pedra, mobiliario industrial e detalles cando menos desconcertantes, como o tambor dunha lavadora reconvertido en lámpada, conforman o novo París, que, ademáis, gañou en espazo, ao sumárselle unha pequena taberna que daba á parte de atrás e da que conservaron as baldosas orixinais. Unha mestura sorprendente pero exquisita.

Sen embargo, a decoración non é o único que o París ten de novidoso. O local reconverteuse nunha cervexería-tapería na que a gastronomía adquire especial importancia. Segundo asegura Lina, apostan por menús un pouco experimentais, “nos que conflúan a tradición e a modernidade”, e sempre con produto galego e de calidade. A carta variará catro veces ao ano, con cada nova estación. Ademáis, organizaranse actividades, como a música en directo que o establecemento acollerá un de cada dous venres, actuacións de maxia para os máis novos e outros espectáculos.

A acollida deste novo París por parte de santiagueses e visitantes está a ser moi boa. “Estamos moi contentos”, asegura Lina. Sen dúbida, ingredientes ten de sobra para converterse no epicentro do moderneo compostelán, que cada vez conta con máis alternativas. E é que parece que a crise non lle está sentando tan mal á capital galega, que está a aplicar a máxima de “renovarse ou morrer”. Polo de pronto, Disquecool xa emitiu o seu veredicto: París, je t’aime.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *