Polbo e música independente na Romaría Pop de Belvís

Como en toda romaría que se prece non podían faltar o polbo e a música, pero se estabas pensando en gaitas e pasodobres, esquéceo. Se buscabas velas milagreiras e rosquillas equivocácheste. No seu lugar, roupa vintage, discos e camisetas rockeiras, e como banda sonora, unha selección de grupos da escena independente galega. Toda unha festa co mellor da nosa tradición, pero cun novo enfoque. A Romaría Pop, impulsada pola asociación Desconcierto Cultural coa colaboración do Concello de Santiago, encheu este sábado o compostelán Parque de Belvís de boa música e un ambiente inmellorable. Incluso a chuvia deu tregua para converter este espazo verde da cidade nunha festa para todos os públicos.

Romaria Pop en Santiago de CompostelaA romaría abriu as súas portas ás 13.00 horas e prolongouse ata a madrugada. Preto de 2.000 persoas, segundo a organización, déronse cita ao longo da xornada no parque para gozar da música, comer e beber, participar nas actividades programadas e pasear polos distintos postos do mercado. A pesar de que a herba aínda estaba algo húmida das inclemencias meteorolóxicas do día anterior, foron moitos os que se deitaron sobre o céspede para gozar relaxadamente do ambiente e os concertos (os máis listos coa súa mantiña de pícnic). O público infantil pasouno en grande nas actividades especificamente deseñadas para eles, como o obradoiro de camisetas de rock -que vestiu a nenos e nenas coas portadas de bandas emblemáticas como Pink Floyd, Sex Pistols ou a Velvet Underground-, o obradoiro de experimentación musical ou os concertos ‘Pequemúsica’. Algúns cativos non dubidaron tampouco en deixarse levar polo ritmo dos concertos “para maiores”, ocupando as primeiras filas cos seus bailes entregados e a súas camisetas aínda cheirando a pintura fresca.

Segundo os seus organizadores, esta Romaría Pop diríxese non só á comunidade melómana santiaguesa, senón a calquera persoa interesada en gozar do lecer e da cultura nunha xornada ao aire libre. E así foi, aínda que sobre todo puidemos atopar alí xente nova, familias con cativos e mascotas e veciños de máis idade curioseando nas inmediacións do recinto.

Sobre o escenario puidemos atopar bandas do panorama galego como Mequetrefe, La Familia, Músculo!, Diardemin, Disco Las Palmeras!, Sr. Fluzo e The Winning Numbers. Nos postos de venda, moita artesanía, accesorios, moda e roupa vintage, sen esquecer os vinilos. A oferta gastronómica incluíu o clásico posto de polbo e churrasco e outros máis exóticos para unha romaría galega, como un stand de gazpacho e guacamole e outro de repostería americana. Ademais, os asistentes puideron apagar a súa sede nas dúas barras instaladas para a ocasión.

Romaria Pop en Santiago de Compostela

A idea xeral detrás do evento é crear, a través desta romaría contemporánea, un espazo recreativo urbano onde desenvolver unha xornada festiva de convivencia entre veciños coa cultura como elemento de dinamización e cohesión social. Tras esta primeira edición, desde Desconcierto Cultural afirman que xa están planificando un novo encontro, e esperan que a cita se converta nunha referencia na axenda cultural da capital galega. Desexámoslle longa vida á romaría!

Fotos | Disquecool
Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *