Libros para o verán (I): Cruceiro de verán de Truman Capote

Estamos nos anos 40, xusto despois da Segunda Guerra Mundial e na moi cosmopolita Nova York. Grady McNeil ten dezasete anos e conseguiu convencer aos seus pais para que non a obriguen a ir con eles de cruceiro a Europa (a onde van pasar a tempada, mercar roupa estilosa e averiguar que mal fixeron os alemáns coa súa casa de Cannes). Despídeos no peirao, coa súa seria e casada irmá máis vella, Apple, e alí dá o disparo de saída a un verán de liberdade no amplo piso familiar, no que pronto saberemos que non vai pasar moito tempo soa. ‘Cruceiro de verán’ é unha novela breve de Truman Capote, un dos seus primeiros traballos e sen embargo o último que veu a luz.

A historia do libro é digna dunha boa crónica de sociedade. Pouco se sabía desta obra, á que ninguén lle daba moita importancia. Capote falaba dela nas cartas escritas na época contemporánea á súa escritura, pero o manuscrito andaba perdido e os herdeiros do escritor (un fondo para a educación) pensaban que nada quedaba dela. Ata que un día, a principios deste século, foi depositada en Sotheby’s unha colección de documentos relacionados co escritor. Eran caixas de fotos e papeis que tiñan pertencido ao propio Capote e que o escritor abandonara nunha mudanza cando estaba no punto máis álxido da súa fama, trala publicación de ‘A sangue fría’. E entre eles estaba a novela esquecida. Como conta Alan Schwartz, o seu avogado e testaferro, buscaran ata a extenuación o manuscrito de ‘Pregarias atendidas’, o libro que Capote xuraba ter escrito (o que non era certo) e en realidade acabaron dando por casualidade con outra novela que ninguén puidera ler antes.

‘Cruceiro de verán’ é unha novela estupenda para o verán. Ten unhas escasas 145 páxinas na súa edición en galego e pódese ler moi rápido, devorando con auténtico deleite un texto tan breve. ‘Cruceiro de verán’ é a primeira novela que escribiu o autor e ten unha calidade sobresaliente. No texto xa se pode ver o estilo que terá despois o autor que se fixo célebre e a historia (aparentemente simple: unha rapaciña burguesa vive un amor de verán cun rapaz de clase baixa nun Nova York que o tempo do verán fai abafante) é moito máis completa do que podería semellar nun primeiro momento.

*Cruceiro de verán está editado en galego por Editorial Galaxia, que lanzou a tradución ao mesmo tempo que o libro chegaba a Europa (tamén é a única tradución ao galego da obra de Capote que podemos nomear). Se non, sempre vos queda botar man do orixinal ou agardar que chegue a película. Ao parecer, Scarlett Johansson vaise estrear como directora de cine coa adaptación da novela. 

*Ao longo de verán iremos publicando reseñas das que poderían ser as lecturas do verán

Foto |  bratha

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *